Preto de 700 persoas participan esta fin de semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de Caldas de Reis, Campo Lameiro, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Nigrán, Poio, Silleda, Vigo e Vilanova de Arousa están a participar neste programa provincial para coñecer lugares singulares da provincia

21/10/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 13 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Caldas de Reis, Campo Lameiro, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Nigrán, Poio, Silleda, Vigo e Vilanova de Arousa mobilizarán un total de 688 persoas para coñecer lugares da provincia coma a illa de Tambo, as salinas do Ulló, ou mesmo lugares históricos coma o castro de Santa Trega, o castelo de Soutomaior ou o de Sobroso.

Este sábado 21 de outubro nove entidades da provincia están a participar no programa da Deputación “En ruta coa Depo”. A Asociación de Mulleres Rurais San Vicente (A Illa de Arousa), a Asociación de Xubilados e Pensionistas Caldenses (Caldas de Reis) e a Asociación de Pensionistas e Xubilados do Grove están a percorrer o parque de Quiñones de León e O Castro en Vigo, e o parque botánico e o castelo en Soutomaior. A Asociación de Mulleres Rurais Aceñas de Baión (Vilanova de Arousa) está a visitar as salinas do Ulló en Vilaboa e o lago Castiñeiras; a Asociación Mulleres Rurais Xestas (Vigo) realizarán unha ruta entre o Lérez e o Verdugo por Forcarei, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas; a Asociación Cultural e Veciñal Axóuxere de Fiestras (Silleda) fará un percorrido por Salvaterra de Miño e Arbo con paradas no conxunto histórico e no parque da Canuda e no Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea; a Asociación de Veciños Raigame (Caldas de Reis) visitará Agolada e Vila de Cruces; a Asociación de Mulleres Rurais de Chandebrito (Nigrán) percorrerá a Ruta da Pedra e da Auga e o mosteiro da Armenteira; e a Asociación de Veciños Santa Lucía de Dena (Meaño) visitará o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e o marítimo.

O domingo 22 dúas asociacións de Vilagarcía de Arousa participarán no programa provincial. A Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo visitará os Pendellos de Agolada e a igrexa de San Salvador de Camazo en Vila de Cruces, mentres que a Asociación de Veciños Agustín Romero visitará o castelo de Sobroso e o castro de Troña. Pola súa banda, a Asociación Veciñal Cultural Recreativa Combarro (Poio) tamén ten programada unha ruta que inclúe a visita do castro de Santa Trega, na Guarda, e o conxunto histórico de Tui, o Monte Aloia e o Alto dos Cubos; e a Asociación Veciñal de Fragas (Campo Lameiro) percorrerá o santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño.

A través de “En ruta coa Depo” a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas financiaranse ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.