Marta Fernández-Tapias participou hoxe no acto de entrega do Premio Peme do Ano 2023 Pontevedra

12/12/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe no acto de entrega do Premio Peme do Ano 2023 Pontevedra e de dous accésits á internacionalización, dixitalización e innovación, formación, emprego e sostibilidade, nun acto realizado na Cámara de Comercio de Vigo. “Unha xornada na que celebramos o éxito das empresas que teñen demostrado a súa capacidade de adaptación nun contexto especialmente complicado”, apuntou a representante provincial desde a tribuna.

Na súa intervención, Fernández-Tapias resaltou o carácter emprendedor da cidade de Vigo, “que sempre destacou polo seu dinamismo e innovación”, e o papel das pequenas e medianas empresas da provincia, “as verdadeiras xeradoras de riqueza e creadoras de emprego”, engadiu.

Ademais, a vicepresidenta manifestou a vontade do Goberno provincial de apoiar ás empresas da provincia e potenciar o seu desenvolvemento polo seu importante papel como “motor económico”. “Sodes –engadiu– a mellor tarxeta de presentación desta provincia e contribuídes a expandir a súa marca por todo o planeta e isto é o que queremos, dar pasos cara adiante, sen deternos, para que esta provincia vaia a máis, sexa sinónimo de vangarda, de emprego, de empresa, de dinamismo, de prosperidade e modernidade”.