A Deputación remata as obras de iluminación sostible en nove concellos da provincia cun investimento superior a 1,2 millóns de euros

As obras, que se realizaron en Mondariz, Moraña, Mos, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, recibiron financiamento do fondo FEDER 2014-2020

03/12/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar actuacións de renovación das instalacións de iluminación exterior en nove concellos da provincia cun investimento superior a 1,2 millóns de euros, o 80 % financiado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía a través do fondo FEDER 2014-2020. As obras leváronse a cabo nos concellos de Mondariz, Moraña, Mos, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

En concreto, o investimento realizado en Mondariz foi de 104.381 euros; en Moraña, de 99.164 euros; en Mos, de 70.600 euros; en Poio, de 140.758 euros; en Ponte Caldelas, de 139.784 euros; en Portas, de 221.322 euros; en Valga, de 119.225 euros; en Vilagarcía de Arousa, de 165.307 euros; e, por último, en Vilanova de Arousa investíronse 163.663 euros.