Unha exposición antolóxica no Museo afonda no diálogo coa materia de Silverio Rivas, artista de referencia da escultura galega contemporánea

‘Eloxio do silencio’ reúne 60 pezas das diferentes etapas do escultor, autor de obra pública tan emblemática como a monumental ‘Porta do Atlántico’ en Vigo

21/11/2022

Silverio Vargas

O Museo de Pontevedra abre a próxima semana a exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’, na que traza un percorrido pola obra do escultor galego, que, a piques de cumprir 80 anos, se mantén en activo e como un dos grandes referentes da escultura galega contemporánea. Inaugúrase o xoves 24 de novembro ás 19.00 horas e poderá visitarse na sala de exposicións temporais do Edificio Castelao ata o 5 de febreiro.

A exposición presenta arredor de 60 pezas de Silverio Rivas (nacido en Ponteareas en 1942), que cobren a súa obra desde os inicios na abstracción nos anos 70 do pasado século ata os seus traballos actuais, entre as estruturas xeométricas e a creación a partir de obxectos cotiáns atopados ao azar. A selección de obras inclúe o seu traballo con materiais tan diversos como o granito, o bronce, a madeira, a cerámica ou o aceiro, entre outros, e o seu uso de solucións como a ensamblaxe, as esculturas articuladas, o pulido perfecto das pezas e a apertura de ocos e fisuras.

Unha parte moi importante das obras expostas provén da colección do propio artista e de varias coleccións particulares. A isto súmanse esculturas cedidas por museos e entidades: CGAC, Consorcio Zona Franca de Vigo, Afundación, Abanca e Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.

A comisaria da exposición é Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, conservadora do Museo. “A obra de Silverio é o resultado dun respectuoso diálogo coa materia que o vai guiando no proceso de creación. Un traballo reflexivo que leva a cabo na soidade e o silencio dos seus diferentes talleres, onde desenvolve un intenso labor de investigación, sempre coa intención de crear unha obra nova e diferente fuxindo da monotonía. Ese traballo constante é o que lle permite coñecer novas técnicas e traballar materiais moi diversos”, explica a comisaria.

Un percorrido en cinco espazos

Trátase dunha mostra antolóxica que, de maneira deliberada, evita o percorrido cronolóxico. As obras agrúpanse por tipoloxías ou materiais, tal como ocorre na casa-taller que o artista posúe en Paramos (Tui). Na primeira sala atópase obra dos anos 80, período no que se centra en obras monumentais dotadas de sensación de ingravidez grazas a fisuras e espazos baleiros, que toman como referencia a monumentalidade da arte exipcia e  a tradición canteira galega no uso do granito. Desta época é a coñecida ‘Porta do Atlántico’ de Vigo, exemplo da súa obra destinada ao espazo público. Na mostra poderanse ver pezas en granito negro como ‘Torques cravado no chan’ ou ‘Pía’.

A segunda sala presenta traballos da mesma época, desta volta en madeira policromada, con acabados perfectos e ocos que lles outorgan lixeireza. Na mesma sala atópanse obras da súa última etapa, a partir de obxectos en desuso que Silverio Rivas dota de novos significados.

A sala terceira céntrase nas pezas cerámicas articuladas que o escultor creou no Laboratorio de Formas de Sargadelos en 1976. Silverio, que xa traballara abondo coa escultura articulada, foi o primeiro en aplicar esta fórmula á cerámica, o que presentaba moitas dificultades técnicas polas características deste material.

O cuarto espazo da exposición inclúe obra en madeira e en bronce da súa etapa en París. Aquí está ‘Palisandro’, unha peza emblemática como mostra do seu traballo nas esculturas articuladas: creada nunha madeira nobre, respectando a forma orixinal, cun pulido perfecto e sen desperdiciar material, cando se abre imita á natureza.

Na quinta e última sala pódense ver algúns traballos da súa primeira etapa, desde as pezas máis antigas, aínda figurativas, ata obras que mostran a súa admiración por Chillida, como a peza en aceiro inoxidable ‘Zafra’, representativa tamén da súa implicación na difusión da escultura contemporánea na Galicia dos anos 70.

Xornada sobre escultura galega

Ademais de visitas guiadas todos os xoves ás 18.00 horas, a mostra acompañarase dunha xornada de reflexión e debate sobre a escultura galega contemporánea. Será o 19 de xaneiro, organizada polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Na xornada, Miguel Anxo Rodríguez González trazará unha breve historia da escultura galega contemporánea. Unha mesa redonda moderada por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes, xuntará ás artistas Amaya González Reyes e Basilisa Fiestras e ao escultor e profesor universitario Javier Tudela para debater sobre a escultura na actualidade.

A comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, disertará sobre a obra de Silverio Rivas. Pechará a xornada unha visita guiada á mostra a cargo da comisaria e do propio artista. 

Galerias de imaxes

Noticias relacionadas

 
		O Museo celebrará os seus Premios ‘Q’ de calidade e  ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo instituto de  Calidade Turística cun acto no Edificio Castelao

O Museo celebrará os seus Premios ‘Q’ de calidade e ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo instituto de Calidade Turística cun acto no Edificio Castelao

O evento incluirá música da man do grupo Mallou, audiovisuais e intervencións de representantes das tres empresas que tamén acadaron o Q na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador

 
		A obra artística de Rosa García e Alberto Pena chega á sede da Deputación en Vigo

A obra artística de Rosa García e Alberto Pena chega á sede da Deputación en Vigo

O vindeiro día 25 inaugurarase a dobre mostra na que a artista viguesa ofrecerá pezas de gravado, fotografía e escultura co título “Máis aló do lugar habitado” e o creador afincado en Cangas amosará a exposición pictórica “Natureza alterada”

 
		O papel da escultura contemporánea en Galicia no século XX e na actualidade, a debate no Museo de Pontevedra

O papel da escultura contemporánea en Galicia no século XX e na actualidade, a debate no Museo de Pontevedra

O Edificio Castelao acolle o vindeiro xoves 19 un seminario con dúas conferencias, unha mesa redonda e unha visita á exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’ guiada polo artista e a comisaria

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.