O Palacete das Mendoza acolle a exposición “A expresión da cor” de Juan Codesido

A mostra do artista ferrolán abre as súas portas na sede de Turismo Rías Baixas este venres 15 de decembro e poderá visitarse ata fin de ano

14/12/2023

EXPOSICIÓN JUAN CODESIDO PALACETE DAS MENDOZA

A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 15 de decembro, no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a exposición “A expresión da cor”, do artista ferrolán Juan Codesido. A mostra, que se poderá visitar ata fin de ano, está composta por pezas cheas de forza, que buscan transmitir expresións desde unha perspectiva de liberdade e orixinalidade.

“A expresión da cor” é unha viaxe polas formas xeradas por Codesido, o artista que para chegar á expresión emprega a cor como xeradora de formas. Trátase dunha exposición moderna, difícil de encadrar dentro dos estilos pictóricos contemporáneos, que destaca pola forza das cores puras en contraste. Predominan pezas de abstracción pura, xerada por distintos tipos de técnicas para buscar, en todo momento, a conexión coa parte inmaterial do ser por medio das emocións. Por outra banda, “A expresión da cor” tamén presenta unha liña de creación figurativa a través da cal o artista busca a expresión en animais e plasmar circunstancias humanas e sociais.

O vínculo de Juan Codesido co mar e co rural dótao dunha privilexiada visión da cor e da expresión da natureza galega. A súa paixón polo expresionismo levouno a cursar accións formativas no MOMA de Nova York e presenta múltiples influencias de artistas como Matisse, Picasso, Guerrero, Richter, Kandinsky, Lee Kranser, Pollock ou Kline. No seu estilo destacan as cores básicas e a forza da súa pintura, na que prevalece a abstracción.

“A expresión da cor” pode visitarse desde este venres 15 de decembro e ata final deste ano 2023 no Palacete das Mendoza, de luns a venres de 9 a 20 horas, sábados e festivos de 10 a 14 e de 16 a 19 horas, e o domingo de 10 a 14 horas. A sede de Turismo Rías Baixas permanecerá pechada os días 24, 25 e 31 de decembro.