A Deputación adxudica as obras para mellorar a estrada provincial entre Penalba e Ratel, en Forcarei

A actuación na EP-7204 foi adxudicada por máis de 333.000 euros e suporá a reposición de firme nun treito de preto de 4,5 quilómetros da vía

09/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar na Xunta de Goberno a adxudicación das obras que suporán a importante transformación da conexión a varios lugares de Presqueiras, en Forcarei. Trátase do proxecto deseñado para actuar na EP-7204 Soutelo-Ratel, e co que se investirán máis de 333.000 euros para mellorar a seguridade viaria desta infraestrutura ao longo de preto de 4,5 quilómetros. Actuarase entre os puntos quilométricos 5+000 e 9+429, correspondentes ao tramo Penalba-Ratel, e as obras están financiadas integramente pola Deputación.

O proxecto mellora un tramo da EP-7204 desta vía que comunica Forcarei coa provincia de Ourense a través das parroquias de Pardesoa e Santa Mariña de Presqueiras. Concretamente, as obras consistirán na reposición do firme, a mellora da drenaxe lonxitudinal, a execución de redutores de velocidade nos tramos de Penalba e A Devesa, a mellora xeral dos entronques coas vías municipais de Alfonsín e Ratel e tamén operacións complementarias de reposición da sinalización vertical e horizontal.

A través desta actuación, mellorarase o acceso ás aldeas de Ratel, Regotraveso, Fontegrande, Cernadelo, Alfonsín, A Devesa e Penalba. O prazo de execución previsto para realizar estas obras é de catro meses.