Luis López sitúa o deporte como un piar estratéxico para “ir a máis” en turismo e en benestar social na celebración da Gala Provincial do Deporte

A Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo acolleu un acto presidido polo presidente, Luis López, e a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, no que foron homenaxeados dous deportistas históricos: o atleta Carlos Pérez e o remeiro Franco Cobas

27/10/2023

Gala do Deporte 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, situou o deporte como un piar estratéxico para o Goberno provincial polo seu potencial para facer “ir a máis” a provincia tanto en materia de turismo coma de benestar social. O mandatario participou esta tarde de venres na celebración da gala do deporte provincial, que tivo lugar na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo, onde recoñeceu os méritos de deportistas históricos e emblemáticos da provincia coma o atleta Carlos Pérez ou o remeiro Franco Cobas. “Sodes lendas”, díxolles ao saúdalos, antes de agradecer o seu papel coma “os precursores, os que lles abristes as portas ás novas xeracións de atletas, remeiros e deportistas que hoxe nos enchen de ilusión”.

“Vós, as e os deportistas, sodes embaixadores da nosa felicidade. Portades o estandarte do orgullo da nosa provincia”, comezou o presidente da Deputación unha intervención na que recordaba a emoción que lle transmiten á cidadanía os éxitos dos deportistas. “Quen non sentiu que estabamos a gañar moito máis que un Mundial cando Tere Abelleira voltou a Galicia cunha medalla de ouro?”, peguntouse Luis López, quen confesou ser non só un amante do deporte, tamén practicante, ao amosar a súa ficha como futbolista ou confesar o seu gusto por saír a correr e mesmo participar en probas ciclistas coma a deste domingo en Forcarei.

Unha satisfacción á que tamén aludiu a vicepresidenta Fernández-Tapias ao sinalar que “estamos vivindo uns tempos moi emocionantes. Non paran de chegarnos os vosos recoñecementos en competicións do máis alto nivel internacional. Sodes as pezas claves para que esta provincia vaia a máis”.

No seu discurso López fixo fincapé en que a “Deputación practica o municipalismo deportivo”, unha afirmación que se basa no compromiso do Goberno provincial co deporte e coa mellora das instalacións. Neste sentido, referiuse aos 4 millóns de euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas aprobado este mesmo venres no Pleno da Deputación ou á firme decisión de participar na financiación da reforma do estadio de Balaídos.

Pero o que quixo destacar o dirixente provincial é que “a provincia é no seu conxunto un enorme recinto deportivo. Temos os nosos montes, que son circuítos de ciclocrós ou BTT, temos ríos ideais para piragüismo e rías fenomenais para regatas; temos cantís, sendeiros e picos que son marabillosos para a práctica da escalada, o canicrós ou o montañismo. A nosa provincia xunta en menos de 5.000 quilómetros cadrados: natureza, deporte e turismo. Somos unha das provincias máis pequenas, en extensión, de España. Pero somos grandes en deporte. Crédeme cando digo que Pontevedra é gozar”, afirmou Luis López.

Por estas razóns, o presidente provincial  defende que “o deporte é un sector estratéxico. O deporte é saúde física e mental, é socializar, é equilibrio territorial, educación, economía e turismo. O deporte fainos ir a máis”, subliña López. E, neste sentido, o dirixente provincial volveu remarcar o seu compromiso pola organización de eventos deportivos en todos os concellos da provincia, poñendo como exemplo o partido que a Selección Española de Fútbol xogará o 1 de decembro no estadio de Pasarón nun encontro oficial da Liga de Nacións Feminina contra o combinado italiano.

Sobre o apoio ao deporte, Fernández-Tapias  engadiu a intención da Deputación de seguir apoiando o deporte de base co fomento das escolas deportivas para que as nenas e nenos dos concellos se inicien no deporte.

Gala do Deporte 2023

RECOÑECEMENTO ÁS E AOS 275 BECADOS POLA DEPUTACIÓN

O evento, presidido por Luis López e Marta Fernández-Tapias, estivo conducido polo xornalista Terio Carrera e a deportista Desiree Vila e contou coa actuación da banda Eladio y Los Seres Queridos, ademais de cunha exhibición do Club de Patinaxe Artística Gondomar. López e Fernández-Tapias encargáronse de lles entregar aos deportistas homenaxeados un agasallo pola súa traxectoria, nun acto no que tamén se recoñeceron os logros das e dos deportistas de elite e de base aos que a Deputación lles presta apoio.

“Desde a Deputación de Pontevedra somos conscientes de que hai que apoiar o deporte non con palabra, con recursos. Hoxe entregamos formalmente as nosas axudas ao deporte de elite e novas promesas. Vós, os 179 deportistas de alto nivel e as 96 grandes promesas que recibistes axudas, sodes o noso orgullo e o noso maior valor. Pero estas axudas son só un punto de partida. A Deputación seguirá apoiando os clubs, deportistas e a todo o tecido deportivo para que poidan competir e organizar eventos de primeiro nivel”, declarou a vicepresidenta primeira da Deputación.

Gala do Deporte 2023

Unha premisa coa que concorda o presidente Luis López. “Temos un compromiso de apoio aos 61 concellos da provincia porque todos os veciños desta provincia, vivan onde vivan, teñen dereito a facer deporte e a gozar do deporte. Practicamos o municipalismo deportivo”, puntualizou  nunha intervención na que tamén quixo agradecer o traballo das federacións, dos presidentes, presidentas e equipos directivos; dos adestradores e adestradoras, das familias, das afeccións, dos deportistas e de todos os clubs.

“O libro da historia do noso deporte ten aínda moitas páxinas por encher. Moitas páxinas de gloria, porque o traballo e a constancia é o único camiño para acadar o éxito. E diso sabedes moito todos os que estades hoxe aquí e os que non puideron vir. Vós sodes inspiración”, concluíu o presidente Luis López.

 

videos