A Deputación e a Editorial Guiverny convocan o I Premio de Novela Histórica Dona Urraca, o único galardón deste xénero literario en Galicia

Está dotado de 6000 € e terá en conta a ambientación da trama na provincia e a visibilización do papel das mulleres na historia. O xurado estará integrado por grandes nomes da literatura galega como Teresa Moure, Arantza Portabales ou Inma López Silva

21/02/2023

I Premio de Novela Histórica Dona Urraca

Arranca o I Premio de Novela Histórica Dona Urraca, o único premio literario deste xénero literario en Galicia que nace da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Editorial Guiverny. A presidenta da institución Carmela Silva, acompañada por Belén Fortes, directora da editorial, e a deputada de Cultura e Igualdade, Vicky Alonso, presentaron esta mañá a primeira convocatoria do certame que está dotado de 6.000 € e valorará a ambientación da trama na provincia e a visibilización do papel das mulleres na historia. “É fundamental crear conciencia da nosa orixe e analizar acontecementos relevantes da nosa historia”, remarcou a presidenta provincial, quen tamén subliñou a firme aposta pola igualdade do galardón.

Carmela Silva, quen lembrou o “enorme compromiso da Deputación para facer desta provincia unha gran referencia dun instrumento fundamental da cultura como é a literatura e a escrita”, salientou a importancia das novelas históricas, “un xénero cunha enorme presenza e demanda por parte das lectoras e lectores”. Tamén enxalzou o “acerto” de que o premio tome o nome de Dona Urraca, “unha personaxe extraordinaria: a primeira raíña de Europa, xa no século XII, que tivo unha presenza moi importante na provincia, en lugares como Sobroso, O Salnés ou O Morrazo. Estou segura de que o premio espertará o interese por esta raíña da que se ten escrito moito pero queda moito por escribir”.

Pola súa banda Belén Fortes, que agradeceu o apoio da Deputación, remarcou que o premio pretende “promover este xénero literario infrarrepresentado nos galardóns literarios e dar a coñecer o noso rico acervo cultural”. Ao igual que a presidenta, tamén puxo en valor a Dona Urraca, “unha das figuras máis importantes da historia de Galicia e de toda a península, unha figura poliédrica, que desempeñou un papel moi importante que foi silenciado”. Lembrou algúns  episodios protagonizados pola raíña “contados pola historia”, como o asedio que sufriu no Castelo de Sobroso, e outros “contados pola lenda”, como a súa fuxida por un túnel que a salvou da morte. E expresou o seu desexo de que “sexa a protagonista da novela gañadora”.

O xurado do I Premio de Novela Histórica Dona Urraca está composto pola escritora Teresa Moure como presidenta, polo escritor Xosé Ramón Pena en calidade de secretario, e as escritoras Belén Fortes, Inma López Silva e Arantza Portabales maila traballadora do servizo de Cultura da Deputación Begoña Fernández, como vogais. Ademais da calidade da obra valorará a visibilización do papel das mulleres na historia e a ambientación de toda ou parte da trama na provincia de Pontevedra. O seu fallo farase público no segundo semestre de 2023, será inapelable e o premio poderá quedar deserto ou ser concedido ex aequo.

As persoas interesadas en participar, maiores de idade, teñen ata o 1 de xullo para presentar os seus textos, que poderán estar escritos en galego ou castelán, e deberán ser inéditos e non premiados. Os escritos deberán ter un mínimo de 20.000 palabras e serán de temática libre sempre que se enmarquen na novela histórica (recreación dun período histórico do pasado) ou teñan ambientación histórica (personaxes ou eventos ficticios ambientados no pasado). Os envíos das obras realizaranse preferentemente en formato dixital (USB ou CD) en Word, OpenOffice ou PDF, co texto ‘I Premio Dona Urraca de Novela histórica’, o título da obra e o lema ou pseudónimo na cuberta. Funcionará con sistema de plica, polo que nun sobre aparte –en cuxo exterior figure o título da obra e o lema– deberase anexar a documentación que figura nas bases, dispoñibles na web da Editorial Guiverny. Enviaranse á sede da editorial: Urbanización Hortensia nº 4, Os Ánxeles, 15865 Brión (A Coruña), indicando no sobre exterior: ‘I Premio de Novela Histórica Dona Urraca’.

A persoa que resulte gañadora, ademais dos 6000 € de premio, verá editada a novela e recibirá un lote de 20 exemplares. Ademais o galardón será entregado nunha gran gala que se celebrará cara a finais de ano, “un evento como só sabe organizar a Deputación de Pontevedra e que será a envexa dos Premios Planeta”.

Galerias de imagenes