O programa “Fiando Redes” da Deputación arranca esta semana para promover a cultura con perspectiva de xénero

A iniciativa, que se realiza da man das asociacións co obxectivo de tecer redes e sensibilizar en igualdade, comeza con actividades en Bueu e Vigo

14/02/2022

A Deputación de Pontevedra dá comezo esta semana a “Fiando Redes”, o programa no que a institución provincial traballa man a man con colectivos da provincia que teñen como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A través desta iniciativa a Deputación promove propostas culturais con perspectiva de xénero coas que comeza a progresiva recuperación dos seus programas con participación da cidadanía despois das restricións máis duras da pandemia.

Así, “Fiando Redes” arrancará este mércores, 16 de febreiro, no local multiusos do Centro Social de Bueu da man da Asociación Mulleres Rurais Mar e Agro. Neste emprazamento terá lugar un encontro coa escritora María Lado ás 17.30 horas. Ao día seguinte, o xoves 17, as instalacións de FormaVigo acollerán ás 17.00 horas un faladoiro titulado “A linguaxe inclusiva como motor de cambio” promovido por este colectivo.

Despois destas accións a Deputación continuará a espallar a cultura inclusiva con perspectiva de xénero por todos os recunchos da provincia a través de novos encontros con escritoras e faladoiros, accións escénicas e actuacións musicais, e tamén a elaboración de murais. Todas as actividades son escollidas e levadas a cabo por asociacións da provincia en  busca de activar o tecido asociativo feminino, tecer redes e mobilizar conciencias a prol da sensibilización en igualdade de xénero.