Jaime Velasco ponlles música na igrexa do convento de Santa Clara a poemas de Lorca, Teresa de Ávila ou Miguel Hernández

O concerto, organizado polo Museo de Pontevedra, terá lugar este venres ás 19:30 horas, con acceso limitado e reserva de prazas en reservas.museo@depo.gal

11/09/2023

Concerto Jaime Velasco

O Museo de Pontevedra organiza un novo concerto na igrexa do convento de Santa Clara. Este venres 15 de setembro, ás 19:30 horas, Jaime Velasco Banda ofrecerá o espectáculo Canciones, poemas y otros viajes, no que se lle porá música a poemas de Teresa de Ávila, Federico García Lorca, Miguel Hernández e José Hierro, ademais doutros temas propios. No concerto en Santa Clara, a Jaime Velasco (á guitarra) acompañarao unha banda formada por María Villanueva (guitarra e voz), Carlos Gutiérrez (baixo) e Natxo Miralles (batería e percusión).

O concerto é de balde e ten acceso limitado, polo que cómpre reservar praza previamente en reservas.museo@depo.gal antes do 15 de setembro, ás 14:00 horas. Cada persoa pode reservar un máximo de dúas prazas e debe indicar un número de teléfono de contacto.

Jaime Velasco naceu en Santander en 1985. Formouse en música clásica e as súas influencias abarcan desde músicas de raíz popular ata o impresionismo e a tradición sinfónica. Participou en proxectos como guitarrista de estudo e directo, así como arranxador e compositor en proxectos e agrupacións de estilos moi diversos en España e Alemaña, e recibiu premios internacionais como intérprete solista. No seu último traballo discográfico o compositor pon en relevo, a través da súa música, textos de diversos poetas e propón outras cancións e viaxes para calquera oínte que queira indagar no seu universo musical.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.