Jorge Cubela clausurou os XVIII Encontros Gandeiros organizados pola Asociación Xundeva

09/11/2023

O deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, clausurou no Pazo de Liñares (Lalín) os XVIII Encontros Gandeiros organizados pola Asociación Xundeva. Cubela asegurou que “desde a Deputación temos claro que o futuro da provincia pasa polo desenvolvemento do medio rural, cunha tradición compatible coa vangarda que estamos aplicando tanto desde as administracións, no noso caso na Finca Mouriscade, como no sector”.

O deputado lembrou a importancia do relevo xeracional na gandaría, para o que cómpre “situala como un sector atractivo, implicando a mocidade para facerlles ver que aquí hai futuro e que precisamos deles para facerlle fronte ao despoboamento”, e que apliquen “os novos coñecementos, tecnoloxías e procedementos para mellorar a calidade da produción e optimizar os tempos e os medios”.

Tamén trasladou “o compromiso deste Goberno co sector primario da provincia” e asegurou que na folla de ruta para o mandato será clave “fomentar o noso tecido económico, protexer o noso territorio rural, e darlles oportunidades aos nosos mozos para que atopen unha provincia próspera onde poder desenvolver os seus proxectos de futuro”.