Luis López comprométese co alcalde de Vilanova de Arousa a atender a demanda histórica de construír unha senda peonil e ampliar a estrada entre Baión e András

O presidente da Deputación de Pontevedra mantén a súa vontade de colaborar con todos os concellos nun encontro con Gonzalo Durán, a terceira entrevista con alcaldesas e alcaldes da provincia despois de verse cos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa

19/10/2023

presidente na visita a Vilanova de Arousa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprometeuse a levar a cabo proxectos encamiñados a transformar a mobilidade peonil e a seguridade viaria no municipio de Vilanova de Arousa, despois dun encontro co alcalde Gonzalo Durán no que ambos os mandatarios amosaron a súa vontade de colaborar e unir esforzos en beneficio da veciñanza  na atención dunha demanda histórica como é a mellora, con ampliación e construción dunha senda peonil, da estrada provincial que une Baión e András.

Unha visita que demostra a firme decisión de Luis López de estar preto dos concellos, pois xa son tres as visitas institucionais realizadas; primeiro foi a Pontevedra e despois a Vilagarcía de Arousa, en pouco máis de cen días de goberno.
 
“Sempre é un pracer percorrer esta provincia, falar cos alcaldes e cos veciños para coñecer os proxectos que teñen en mente, as súas necesidades, as obras feitas e as que están por facer”, declarou Luis López despois do encontro co alcalde Gonzalo Durán, no que tamén participou o concelleiro e deputado provincial Javier Tourís, “que desprende implicación, dinamismo e resolución co traxe de concelleiro ou de deputado”.

O entendemento e a boa sintonía entre os dos mandatarios foi a tónica dunha reunión que se pechou coa garantía por parte da Deputación da redacción dun proxecto que transformará a mobilidade na estrada EP-9701 entre Baión e András. “Estamos a resolver unha demanda histórica do Concello que estaba gardada nun caixón desde hai oito anos, sen motivo aparente, cando se rescindiu o contrato no ano 2015”, lembrou o presidente da Deputación.

O proxecto consiste na mellora dun tramo de tres quilómetros de estrada que pasa por unha zona densamente poboada e que presenta problemas de anchura da vía, de conservación do pavimento e de seguridade viaria. A intervención servirá para atallar todos estes problemas e, ademais, crear unha senda peonil nunha das marxes do trazado, así como cunetas de formigón transitables e ampliar a anchura da estrada. “Trátase dun revulsivo que contribuirá a transformar a mobilidade neste municipio e que vai en sintonía con ese carácter transformador que lle queremos imprimir á provincia”, explicou o mandatario.

Pero o encontro con Durán serviu para avanzar tamén noutras iniciativas. Para Luis López o rexedor vilanovés é un “deses alcaldes que entende a lealdade desde a esixencia. Por iso, desde 1995, gañou a confianza dos veciños. Demanda moito, pero tamén dá moito. Eu sei que en Gonzalo encontro sempre lealdade, e el sabe que a Deputación será sempre un socio leal para os proxectos que queira levar a cabo”, asegurou o dirixente provincial. Dous deses proxectos que tamén están enriba da mesa son a mellora da seguridade viaria da EP-9703 entre Vilanova de Arousa, Ousensa e Pontearnelas coa construción de beirarrúas, e o remate da senda peonil e a pavimentación da EP-9702 entre As Sinas e Vilanova.

O presidente provincial rematou o encontro institucional recordando a importancia que terá ao longo do próximo ano o programa +Provincia, que está en concordancia cos proxectos demandados polo Concello de Vilanova de Arousa. “Un programa que marcará un antes e un despois nas relacións entre as administracións municipais e a provincial”, asegurou Luis López e tamén que os históricos e rompedores 48,2 millóns de euros do orzamento do plan servirán para seguir apoiando os 61 concellos en materia de gasto corrente, emprego e investimentos, e para promover a redacción e execución de proxectos de futuro ambiciosos que contribúan a transformar a provincia.

“O apoio da Deputación aos concellos será incuestionable, a escoita aos alcaldes e alcaldesas da provincia será unha constante e a atención ás necesidades da cidadanía será sempre a nosa meta”, concluíu o presidente Luis López.

 

Galerias de imaxes