Luis López destaca o investimento de máis de 600.000 euros para transformar a contorna da lagoa de Porto Piñeiro de Valga coa construción dunha senda peonil e ciclista

O presidente da Deputación de Pontevedra realizou este luns a súa primeira visita institucional ao Concello de Valga para asinar un convenio de colaboración, enmarcado no programa “PON2030”, co alcalde, Jose María Bello

04/12/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Valga, Jose María Bello

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o Concello de Valga para asinar co alcalde, Jose María Bello, un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 520.000 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para construír unha senda peonil e unha vía ciclista na contorna da lagoa de Porto Piñeiro. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante, uns 90.000 euros. “Quero felicitar o alcalde e o seu equipo de Goberno por apostar por un proxecto que encaixa á perfección co que promove esta Deputación, que é o deporte, unha das nosas bandeiras, e a construción de espazos saudables no medio natural”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

A obra, valorada en case 615.000 euros, servirá para darlle continuidade á primeira intervención deste tipo realizada na zona sur da lagoa. Un proxecto que transformará un espazo abandonado, cheo de especies invasoras, nunha de gran calidade ambiental a través da creación de vías de tránsito peonil e ciclista, así como de zonas de estancia equipadas con bancos, papeleiras e unha fonte. A actuación contempla tamén a renovación de boa parte da cobertura vexetal da contorna desta lagoa coa creación de pradarías con especies herbáceas de diferentes alturas e coa plantación de árbores e arbustos autóctonos en todo o ámbito do proxecto.  

Segundo recolle o convenio, as obras deberán rematar antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Valga realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

A deste luns foi a primeira visita institucional de Luis López ao Concello de Valga como presidente da Deputación de Pontevedra. Un fito que o mandatario provincial aproveitou para poñer en valor a “cooperación institucional” entre a Deputación e, neste caso, o Goberno local de Valga para levar a cabo proxectos transformadores. Neste sentido, Luis López destacou o “espírito e forza” do alcalde para “facer realidade todos eses proxectos que ten, tivo e seguirá tendo para Valga”. “Con concellos coma Valga, a provincia vai a máis”, rematou o presidente da Deputación.