Luís López sitúa á provincia de Pontevedra como unha potencia turística en crecemento polos exitosos datos de visitantes durante a tempada de verán

O presidente da Deputación anuncia un “novo comezo” para o Observatorio de Turismo Rías Baixas á hora de presentar os datos, que contarán co aval dos profesionais do sector e a seriedade e oficialidade do Instituto Nacional de Estatística

12/09/2023

Rías Baixas - Sanxenxo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, referiuse este martes en Sanxenxo os positivos datos de turismo da campaña de verán que sitúan a provincia como unha potencia turística de primeira orde. A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia no mes de agosto e a demanda dos demais tipos de aloxamento dispoñibles na provincia (turismo rural, cámpings, albergues ou vivendas turísticas), así como o número de persoas que visitan os castelos de Soutomaior e Sobroso ou completan algunha das variantes do Camiño de Santiago están tamén en crecemento.

Un balance que non só serviu para poñer o punto e final á tempada turística, tamén marca un novo comezo para o Observatorio de Turismo Rías Baixas, que emprende un camiño cara unha maior transparencia, rigorosidade e interlocución co sector. “En adiante, os datos que se facilitarán desde o Observatorio combinarán a seriedade e a oficialidade do Instituto Nacional de Estatística co coñecemento no terreo do sector. Neste novo comezo turismo, Deputación e sector imos camiñar da man”, declarou o presidente Luis López.

No tocante á ocupación das prazas hoteleiras. O mes de agosto pechouse cunha ocupación media na provincia do 86,5 %, medio punto máis que o mes de agosto do 2022 (85,9 %). Lideran este crecemento as comarcas de Pontevedra e Caldas.

A demanda nos albergues tamén experimentou un destacado crecemento, cunha ocupación media do 85,5% no conxunto da provincia fronte ao 83,4 % do mes de agosto do ano anterior. Un atractivo que é común a todas as comarcas da provincia, pero que sobresae no zona do Baixo Miño, que pasou do 74,4 % de agosto do 2022 ao 88,9 % de ocupación no pasado mes.

A ocupación dos cámpings e das casas de turismo rural superaron o 85 % no conxunto da provincia, mentres que no caso das vivendas turísticas superou o 93 % e desde Aviturga falan que na práctica a ocupación no mes de agosto foi plena.

“Somos potencia en turismo rural, na rede de albergues, nos cámpings e en vivendas turísticas”, remarcou o presidente, que estivo acompañado no Real Club Náutico de Sanxenxo pola deputada de Turismo, Nava Castro; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o presidente do CETS, Alfonso Martínez e representantes do sector.

Neste sentido, Luis López quixo remarcar tamén o crecemento no  número de peregrinos que se deciden a completar algunha das variantes do Camiño de Santiago que discorren pola provincia. “Cada vez son máis os que elixen o Camiño Portugués da Costa, que medrou un 22 % respecto ao ano 2022”, destacou o dirixente, que desvelou tamén que no que vai de ano son máis de 112.000 os peregrinos que camiñaron cara Compostela pola nosa provincia.

Rematou o presidente provincial o repaso dos datos de turismo cun retrato robot do perfil de visitante que escolle a provincia como destino vacacional. “Temos un turista principalmente nacional (83%), de entre 35 e 60 anos (55%), que se queda entre 7 e 15 días de media e que, na súa gran maioría, non nos coñecía de antes (76%)”, definiu López Diéguez, destacanco tamén as boas cifras de visitantes que seguen a ter os castelos de Soutomaior e Sobroso, con máis de 8.000 e 1.800 visitantes respectivamente no mes de agosto.

Son uns datos que certifican o incesante crecemento turístico da provincia, pero “aínda non tocamos teito”, subliña o presidente. O mandatario provincial animou a todo o sector a seguir traballando e seguir derrubando barreiras. Luis López marca un novo reto para o turismo pontevedrés. “Podemos atraer todavía máis ao turista internacional e podemos diversificar aínda máis a nosa oferta, pero sen renunciar á sustentabilidade”, propón o presidente, quen confía en volver superar as previsións de ocupación e de visitas no mes de setembro e construír un destino turístico cada vez máis desestacionalizado.

Luis López aproveitou a súa comparecencia para avanzar un novo proxecto. A creación dunha rede de destinos intelixentes que enviarán en tempo real os datos de ocupación ao novo Observatorio de Turismo Rías Baixas. “O estudo destes datos servirá non só para comunicar dunha maneira fidedigna os datos de visitantes. Tamén para deseñar plans e accións concretas que permitan seguir crecendo e mellorando estas cifras dun xeito controlado e planificado”, explicou o dirixente.

“Pontevedra é desfrutar”, rematou Luis López referíndose a que a provincia é un destino para desfrutar os 365 días do ano. “No me estou a cinguir ao sol e á praia, falo do sol, a praia, a costa, a montaña, o rural, a gastronomía, o viño. Non falo dun momento, falo dun recordo imborrable. Non me estou a referir a unha casualidade, falo dun traballo planificado, intenso e moi ben executado por parte do sector. Falo do que somos, de como nos damos a coñecer e do moito que aínda podemos lograr”, concluiu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes

videos