Luis López recibe a dez menores da cidade ucraína de Bucha que pasarán agosto nun campamento no Centro Príncipe Felipe da man da Deputación

O presidente provincial, Luis López, recibiu este martes no Centro Príncipe Felipe a rapazada que provén dunha das zonas máis masacradas polas tropas rusas. Desexoulles unha proveitosa estancia e amosoulles o seu desexo de que poidan coñecer os atractivos da provincia

01/08/2023

Luis López recibe a dez menores da cidade ucraína de Bucha

Luis López recibiu este martes un grupo de dez menores da cidade Ucraína de Bucha, unha das zonas máis masacradas polas tropas rusas, que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra. O presidente provincial, que lles fixo entrega de agasallos, deulles a benvida acompañado da deputada provincial Sandra Bastos para desexarlles que gocen dunha proveitosa estancia e que poidan coñecer os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra.

O grupo de menores ucraínos, de entre 9 e 14 anos, vén acompañado dun adulto experto en traballo social. Todos eles proveñen de Bucha, na rexión de Kiev, na que tivo lugar un masacre masivo de centos de civís por parte das forzas rusas en 2022, e forman parte de familias numerosas, de combatentes, de militares e de falecidos en combate. Permanecerán no Centro Príncipe Felipe ata o 28 de agosto e residirán nun espazo preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional.

A Deputación de Pontevedra ofrécelles servizos de manutención e tradución, asistencia médica e psicolóxica, posta a punto de roupa, acceso á piscina do centro e unha ampla planificación de actividades nas que se potenciarán valores coma a convivencia, o benestar, o coidado do medio e o coñecemento lingüístico. Tamén están programadas excursións para visitar recunchos da provincia de Pontevedra coma A Illa de Arousa, Cabo Home, Cangas e as praias da Lanzada e Lapamán, ademais doutros lugares de Galicia coma Santiago de Compostela, Cerdeda, a Costa da Morte e Gandarío.

O campamento de menores de Ucraína no Centro Príncipe Felipe é unha iniciativa organizada polo Comité Europeo das Rexións e pola Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kiev, Vitali Klichkó, para apoiar as nenas e nenos que sofren as consecuencias da guerra. O pasado xullo as instalacións da Deputación de Pontevedra acolleron outro grupo de dez menores procedentes de Pervomaiske, cidade moi próxima á zona de conflito. 

Galerias de imaxes

videos

audios