Luis López felicita o compositor vigués Eduardo Soutullo pola concesión do prestixioso Premio Nacional de Música

O mandatario provincial e a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, recibiron o músico na sede da Deputación en Vigo. Ambos os dous coincidiron en destacar o seu talento e agradeceron o seu labor de levar o nome de Vigo e de Pontevedra por todo o mundo

12/09/2023

LUIS LÓPEZ RECIBE AO COMPOSITOR VIGUÉS EDUARDO SOUTULLO

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu esta tarde de martes na sede da Deputación en Vigo o compositor Eduardo Soutullo. O músico vigués recibiu o Premio Nacional de Música, o galardón máis prestixioso no eido musical, que entrega cada ano o Ministerio de Cultura.

Acompañado pola vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, o dirixente provincial felicitou a Eduardo Soutullo polo éxito acadado e por levar a bandeira de Galicia, da provincia de Pontevedra e de Vigo por todo o mundo.

Luis López non só destacou o “descomunal” talento musical de Soutullo, tamén quixo valorar o seu compromiso en contra da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Precisamente, unha das súas obras máis distinguidas, O lamento dos xirasois, recolle versos dunha poeta ucraína, Lesya Ukrainka, que xa no século xix denunciou nunha das súas obras a invasión rusa do seu país.

Unha preocupación, a da situación do pobo ucraíno, que o presidente comparte co compositor. Así llo trasladou Luis López aos alcaldes de Kiev e Bucha na resposta á carta de agradecemento que os rexedores lle fixeron chegar ao presidente para agradecerlle a acollida das nenas e nenos ucraínos nos campamentos de verán do Centro Príncipe Felipe.

Galerias de imaxes