Luis López reúnese este xoves co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no primeiro encontro do presidente da Deputación cun alcalde da provincia

A reunión está prevista para as 11 horas no despacho da Alcaldía do Concello de Pontevedra e servirá para poñer en común diversos asuntos de grande relevancia para a cidadanía pontevedresa que son competencias de ambas as institucións

13/09/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, manterá este xoves, 14 de setembro, unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu despacho de Alcaldía ubicado na rúa Michelena, 30, de Pontevedra.

Trátase da primeira visita de Luis López a un dos 61 alcaldes da provincia desde a súa toma de posesión como presidente da Deputación de Pontevedra no pasado mes de xullo. O rexedor Fernández Lores foi o primeiro en solicitar formalmente unha entrevista co presidente, algo que o dirixente provincial valora e acepta de bo grado.

O encontro está previsto para as 11 horas deste xoves, despois do protocolario acto de sinatura no libro de honra do Concello.

A reunión entre os máximos representantes de ambas as institución xirará arredor dos asuntos que comparten e que son de grande importancia para o conxunto da cidadanía pontevedresa. Ademais de ter na capital as sedes políticas e administrativas das dúas entidades, está o Museo Provincial, o Convento de Santa Clara, a sede de Turismo Rías Baixas, a Cidade Infantil Príncipe Felipe, o ORAL ou a estación fitopatolóxica do Areeiro.

O compromiso do presidente Luis López por manter e mesmo fomentar a colaboración, o respecto e a lealdade institucional entre Deputación e Concello de Pontevedra é firme. É por iso que o dirixente provincial acode a este encontro coa man tendida e a vontade de seguir traballando en beneficio da cidadanía pontevedresa