Luis López salienta a aposta estratéxica polo deporte na provincia coa etapa entre Ponteareas e Baiona de La Vuelta 2024

O presidente provincial destaca a importancia de formar parte destes eventos para a promoción do destino turístico, que permitirá ter presenza mediática nuns 190 países

20/12/2023

O presidente, Luis López, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro,  asistiu á presentación do percorrido de La Vuelta 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, aplaude a presenza da provincia de Pontevedra no percorrido da próxima edición de La Vuelta. O pelotón dunha das tres grandes carreiras ciclistas do mundo volverá pasar polas estradas da provincia despois de tres anos de ausencia cunha etapa de 160 quilómetros entre Ponteareas e Baiona, na que os ciclistas escalarán catro portos de montaña, dous deles de primeira categoría como son o alto da Fontiña e o alto de Mougás. Esta carreira foi retransmitida por televisión na edición de 2022 en 190 países, polo que supón unha útil ferramenta para a promoción turística do destino Rías Baixas. “É un espectáculo que reflicte a aposta do Goberno da Deputación polo deporte e pola promoción do noso destino turístico a través dos eventos deportivos. Milleiros de persoas poderán contemplar en televisión a nosa riqueza paisaxística. En definitiva, o mundo verá que, co deporte, Pontevedra é desfrutar”, destacou o mandatario provincial.

Acompañado pola deputada e rexedora de Ponteareas, Nava Castro, e polo deputado e rexedor de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o presidente da Deputación asistiu este martes en Madrid á presentación oficial do percorrido da edición do 2024 de La Vuelta. Unha cerimonia na que Luis López puido comprobar o interese que a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas seguen xerando como destino deportivo de primeiro nivel.

Coa inclusión da provincia no percorrido oficial de La Vuelta 2024, a Deputación demostra a súa aposta polo deporte e o turismo como áreas estratéxicas da acción de goberno. Ademais, a conxugación destes dous ámbitos permite dar un dobre impulso á dinamización da economía e á promoción do destino Rías Baixas. Por un lado, polo aumento do consumo que supón albergar a todas as persoas que se ocupan da loxística dunha proba deste tipo na provincia, e, por outro, pola potencial captación de novas persoas visitantes que descubrirán na televisión ou noutros medios de enorme cobertura mediática desta carreira un destino atractivo para visitar.

A realización da etapa pontevedresa, que será a número 10 da carreira, está prevista para o vindeiro 27 de agosto. A proba caracterizarase pola coñecida esixencia da orografía da provincia con continuas subidas e baixadas, que porán unha nota extra de emoción a unha etapa pensada para que os especialistas de montaña exhiban todo o seu potencial. A proba entre Ponteareas e Baiona será a primeira das catro etapas que discorrerán por Galicia, seguiranlle unha en Padrón, outra con saída desde Ourense a Manzaneda e, por último, outra desde Lugo ata Os Ancares.

audios