Luis López anuncia a recuperación da atención presencial sen cita previa na súa primeira visita ás oficinas do ORAL en Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra percorreu as instalacións deste servizo e puxo en valor o “excelente labor” que realizan a diario as e os traballadores 

26/09/2023

Visita ao ORAL

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este martes a recuperación da atención presencial sen cita previa no servizo do Oral nunha visita ás oficinas da pontevedresa avenida de Marín na que estivo acompañado polo deputado de Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo.

O dirixente provincial puxo en valor a recuperación deste tipo de atención, que se perdera como consecuencia das restricións sanitarias por mor da pandemia da COVID-19 e que lles ofrece unha maior comodidade para as persoas usuarias. Con todo, aquelas persoas que desexen planificar a súa asistencia a estas oficinas do Servizo de Xestión Tributaria e Recadación de Recursos Locais seguirán tendo a posibilidade de solicitar cita previa.

“Déronse casos de xente que se achegaba á oficina do ORAL porque non estaba familiarizada co manexo das plataformas ou que acudía de xeito ocasional e non podían recibir a atención que demandaban e tiñan que volver outro día. Iso en ámbitos rurais e non tan rurais causaba un prexuízo. Por iso cremos que é un avance importante”, declarou López sobre a importancia da recuperación da atención presencial sen cita previa.

Nesta primeira visita de Luis López ás oficinas do ORAL como presidente da Deputación, o mandatario aproveitou tamén para destacar o “excelente labor” que realizan as persoas que traballan neste organismo dependente da entidade provincial.

Un bo funcionamento que referendou con datos ao recordar o crecemento da recadación nun 109 % no ano 2022 en comparación co ano anterior, ou as boas previsións para os tributos do IBI ou do IAE, que teñen aberto o seu prazo de pago, e que se espera que superen os 72 e os 8,9 millóns de euros, respectivamente.

Así mesmo, Luis López defendeu a importancia da atención que presta este servizo, especialmente á veciñanza dos concellos máis pequenos da provincia, que delegan no ORAL a recadación dos seus impostos. “É un servizo fundamental para manter con vida as nosas vilas e as nosas aldeas”, rematou o presidente da Deputación.

 

Galerias de imaxes