A Deputación facilita 16 máquinas para a conservación de estradas e praias ás mancomunidades do Deza, Baixo Miño, Salnés, Val Miñor e O Morrazo

O acordo institucional de cesión fai posible que a maquinaria que a Administración provincial xa non utiliza se poña ao servizo da mellora das vías dun total de 23 concellos da provincia

03/02/2023

A Deputación prepara a transmisión da titularidade de maquinaria provincial de mantemento de estradas e praias a cinco mancomunidades da provincia co obxectivo de maximizar o seu aproveitamento e de que continúen prestando servizo público. O acordo alcanzouse durante unha xuntanza celebrada hoxe entre o  deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado do persoal técnico da Deputación, cos máximos responsables das agrupacións municipais do Deza, Baixo Miño, Salnés, Val Miñor e O Morrazo.

Deste xeito, á mancomunidade do Deza destinarase unha apisoadora de rodete, un camión cisterna, un camión regador e unha pa de cadeas. Á mancomunidade do Baixo Miño irá unha apisoadora de rodete, un camión regador, dúas compactadoras e unha extendedora. A Deputación cederá á mancomunidade do Salnés un camión regador, unha máquina limpapraias e unha motoniveladora. Á mancomunidade do Val Miñor irán unha máquina limpapraias e un rodete vibrador. Finalmente, á mancomunidade do Morrazo destínasse unha limpapraias e unha motoniveladora.

O acordo administrativo de transmisión da propiedade fundamentarase na Lei de Patrimonio que permite o traspaso de bens inmobles, e que se considera aplicable tamén aos bens mobles, entre Administracións públicas. Ademais, apoiarase na disposición adicional que faculta para aplicar estas estipulacións á Administración local. O acordo administrativo final será aprobado nas próximas semanas no órgano provincial competente. Ademais, nos próximos días as mancomunidades deberán solicitar formalmente o traspaso da titularidade.

Gregorio Agís explicou que a maquinaria está no novo Parque Provincial de Barro, pero leva sen utilizarse dende 2018 polo que optouse por buscarlle unha nova utilidade pública. A opción de cedela ás mancomunidades é especialmente satisfactoria porque permite que se beneficie a veciñanza dun total de 23 concellos cun mellor mantemento non só dos camiños e estradas municipais, senón tamén das praias, dado que hai tres máquinas específicas de limpeza de areais.

A Deputación optou por transferir as máquinas unha vez constatado o éxito da fórmula dos contratos marco de conservación da rede provincial de estradas, que se vén aplicando dende 2018. O último contrato, aprobado en marzo de 2021, ten unha vixencia máxima de cinco anos e garante un investimento de 4,5 millóns de euros anuais para a conservación integral dos 1.650 Km da rede provincial de estradas. Deste xeito, o investimento acumulado pola Deputación en conservación, dende que optou por esta fórmula de licitar contratos marco  que sectorizan o territorio provincial, supera xa os 22 millóns de euros.

 “Estase a facer un esforzo enorme en conservación na rede provincial, que é, sen dúbida algunha, a que se atopa en mellor estado e iso a pesar de que ten unha lonxitude superior á suma das redes nacional e autonómica na nosa provincia”, afirmou Gregorio Agís. “No ano 2018 tomouse unha decisión correcta, á luz dos resultados, e agora damos un novo paso para poñer uns medios que xa non necesitamos a disposición de quen pode sacarlles o máximo partido e así seguir contribuíndo á seguridade viaria en tódolos ámbitos posibles”.