María Ortega: “É preciso que salten alarmas cando os estudos revelan que o galego está a quedar fóra da revolución da intelixencia artificial e os datos masivos”

A deputada provincial de Lingua participou hoxe na entrega dos premios Mil Primaveras da Coordinadora de persoas Traballadoras de Normalización da Lingua, nos que a Deputación colabora economicamente

11/06/2022

Entrega de premios Mil Primaveras  

A deputada provincial de Lingua María Ortega asegurou hoxe que é necesario que "salten as alarmas" ante os estudos que revelan que o galego está a quedar fóra da revolución da intelixencia artificial e os datos masivos. Así o reivindicou na entrega dos premios 'Mil Primaveras' organizados pola Coordinadora de persoas Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) cos que colabora a Deputación.

Os premios entregados hoxe na igrexa do convento de Santa Clara de Pontevedra van pola súa terceira edición co respaldo provincial a través das axudas para actividades de dinamización da lingua dirixidas ás entidades asociativas. Pretenden ser unha ferramenta e unha plataforma para recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos que poñen en valor a lingua galega e divulgan boas prácticas que poden servir como modelos multiplicadores.

Nesta edición resultaron premiados os proxectos 'CantáMOLA en galego' como mellor proxecto novo, do Servizo de Normalización do Concello de Pontevedra; Twitter e Instagram en galego como premio á mellor comunicación e impacto; Diccionario galego para boomers como premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e mocidade, do IES Leiras Pulpeiro; o proxecto 'Media Laranxa' de fomento do galego nun ámbito sectorial (a cociña); 'Somos Xogo' por proxecto máis innovador, realizado por 'Xandobela. Educación e cultura'; e 'Do berce á rúa', un proxecto estabilizado do Concello de Narón que busca impulsar a crianza en galego achegando recursos para a comunicación nas aulas e na casa.

No acto participaron a presidenta da CTNL Anxos Sobriño, quen agradeceu a colaboración da Deputación para poñer en marcha e manter os premios para recoñecer os traballos de normalización que transmiten unha imaxe positiva do galego e difunden o traballo a prol da lingua. Tamén estivo presente o concelleiro de Pontevedra Demetrio Gómez, quen salientou que é preciso rachar as estruturas de poder que impiden que o galego medre e reivindicou que o idioma do país debe ocupar o lugar "que lle corresponde".

Pola súa banda, a deputada provincial de Lingua María Ortega -que entregou o galardón dos premios á mellor comunicación e impacto a 'Twitter e Instagram en galego'-, deu os parabéns á CTNL pola organización e ás persoas recoñecidas pola a calidade dos traballos. Subliñou que as institucións deben ser conscientes de que "con falar galego non abonda para contribuír a defendelo" e insistiu na necesidade de destinar os máximos recursos de maneira transversal para poñer en valor a lingua.

Salientou a importancia de que as administracións sexan "proactivas" e "teñan os oídos abertos" para escoitar as situacións como as que esta semana puxo en evidencia a UVigo, que alertou de que o galego está en risco de quedar excluído da revolución dos datos masivos e a intelixencia artificial ao estar á cola tanto en recursos como en aplicacións con respecto ao resto de linguas oficiais do estado español, non só do español, senón tamén con respecto ao catalán e o éuscaro.

Lembrou Ortega que aínda que hai plataformas como Facebook ou Youtube e empresas como Apple ou Microsoft que ofrecen unha versión con soporte para o galego, moitas outras como TikTok, Twitch ou Adobe utilízano en versións non maioritarias ou con menor apoio, habendo unha "falta extrema de apoio ao noso idioma" nos asistentes virtuais como Alexa, Siri, Google Assistant ou Cortana.

"A mocidade, a vida da xente nova, está aí. E polo tanto, o galego ten que estar", sentenzou a nacionalista, subliñou que cada goberno dende as súas competencias e responsabilidades debe traballar para que a lingua gañe presenza en solucións comerciais e sexa considerado un nicho de mercado de interese.

"Todo isto require dunha aposta seria, de compromiso e de capacidade. Nós seguiremos escoitando estes informes, pelexando por máis recursos para a lingua, porque as administracións deben poñer as cousas no seu lugar, e fomentar -entre outras- iniciativas como as que hoxe se presentan aquí nos premios Mil Primaveras para que o galego, como dicía Cunqueiro, viva mil primaveras máis", finalizou.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

Noticias relacionadas

 
		A Deputación levará á rapazada dos centros escolares da provincia á Casa de Rosalía para coñecer a figura e o legado da autora

A Deputación levará á rapazada dos centros escolares da provincia á Casa de Rosalía para coñecer a figura e o legado da autora

O departamento provincial de Lingua e a Fundación Rosalía de Castro colaboran para desenvolver o programa educativo de visitas guiadas ‘Rosalía, a súa casiña, o meu lar’

 
		Os Roteiros Literarios da Deputación e a AELG arrancan este domingo 29  cun percorrido polo Vigo teatral a través do tempo

Os Roteiros Literarios da Deputación e a AELG arrancan este domingo 29 cun percorrido polo Vigo teatral a través do tempo

Continúa aberto o prazo de inscrición para as cinco rutas, cun total de 125 prazas, que se desenvolverán esta primavera por espazos e vilas inspiración de autores e autoras