A Deputación ten habilitado na súa web un sistema de información para denunciar infraccións ou corrupción

A deputada provincial María Ramallo deu a coñecer o sistema no marco da xornada que acolleu o salón de plenos do Pazo da Deputación sobre a Lei 2/2023 de protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción

11/12/2023

Xornada contra a corrupción

A Deputación de Pontevedra ten habilitado na súa web un sistema de información como canle preferente sobre accións constitutivas de infraccións ou corrupción. Así o deu a coñecer a deputada provincial María Ramallo no marco da xornada sobre a Lei 2/2023 de protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción que organizou a institución provincial no salón de plenos do Pazo. No encontro, de carácter práctico e no que se deron cita persoal integrante de corporacións locais e persoal funcionario dos concellos, a codirectora da Cátedra de Bo Goberno da UVigo, Concepción Campos, afondou no impacto local da citada lei a profesora Andrea Garrido e o profesor Marcos Almeida de Dereito Administrativo da USC explicaron as medidas de protección e o sistema interno de información.

“Unha sociedade avanzada democraticamente –asegurou María Ramallo– debe protexer a toda aquela persoa que comunique as irregularidades acontecidas no seu entorno laboral ou profesional, de modo que os poderes públicos poidan actuar e, así, poñer fin á actividade ilícita. Neste eido as canles de información, que a lei obriga ás entidades locais a implantar desde o 1 de decembro, están xa e van permitir dar a coñecer prácticas ilegais con seguridade e sen represalias para as persoas denunciantes”. A deputada recordou que é infracción moi grave o incumprimento de dispoñer desta canle e animou ao público participante no encontro a coñecer o sistema de información da Deputación, “un sistema aberto que temos implantado xa desde este verán e a través do cal é posible, tanto de xeito anónimo como nominativo, poñer en coñecemento accións ou condutas do persoal ou dos órganos da institución provincial que poidan constituír incumprimentos normativos, fraude ou calquera tipo de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave”.

María Ramallo destacou a importancia de organizar xornadas como a que hoxe acolleu o Pazo provincial, que “tenden pontes para avanzar e construír máis e mellor provincia”. Remarcou que “para garantir o bo funcionamento do sistema democrático a colaboración, a suma de sinerxías, o diálogo, a comunicación e o traballo conxunto resulta fundamental. Tanto entre e con institucións como entre e coa cidadanía, xa que os cidadáns son protagonistas activos do sistema político e democrático español e teñen un compromiso colectivo co bo facer das institucións, algo fundamental para o bo funcionamento do Estado de Dereito”. De aí, destacou a deputada, a importancia desta lei que “garante a correcta marcha das institucións ao protexer ás persoas que proporcionan información sobre infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves”.

A Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción incorpora ao dereito español a Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión Europea. A súa principal finalidade é a de protexer fronte a represalias a persoas que, nun contexto laboral ou profesional, detecten infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves e facilitar que poidan comunicalas mediante mecanismos regulados. Ademais, en cumprimento do establecido nesta lei, as entidades locais da provincia teñen a obriga de implantar unha canle interna de información, como a que ten en marcha a Deputación de Pontevedra, que cumpra coa súa finalidade e permita que as persoas físicas poidan informar sobre algunhas infraccións administrativas graves ou moi graves ou feitos delituosos.

Ligazóns de interese