A Deputación organiza este luns unha xornada sobre a Lei de protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción

A xornada, que será inaugurada pola deputada provincial María Ramallo, está dirixida a persoas integrantes de corporacións locais, de Secretaría e Intervención da Administración Local, de funcionariado dos grupos A1 e A2 e de persoal público interesado na incidencia no ámbito local da Lei 2/2023

10/12/2023

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acollerá este luns unha xornada sobre a Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción. O obxectivo desta iniciativa formativa de carácter práctico, que será inaugurada pola deputada provincial María Ramallo, é achegar a persoas integrantes de corporacións locais, de Secretaría e Intervención da Administración Local, de funcionariado dos grupos A1 e A2 e de persoal público interesado da incidencia desta lei no ámbito local.

A xornada comezará ás 9:30 horas coa inauguración a cargo da deputada de Innovación e Axenda Dixital, María Ramallo. A continuación, Concepción Campos Acuña, secretaria de Administración Local e codirectora da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo afondará nos aspectos xerais da Lei 2/2023 e no seu impacto no ámbito local. A partir das 11:30 horas, Andrea Garrido Juncal, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela abordará “As medidas de protección aos denunciantes” e, finalmente, o tamén profesor de Dereito Administrativo da mesma universidade, Marcos Almeida Cerredo, explicará “O sistema interno de información”.

A Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección de persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción incorpora ao dereito español a Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión Europea. A súa principal finalidade é a de protexer fronte a represalias a persoas que, nun contexto laboral ou profesional, detecten infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves e facilitar que poidan comunicalas mediante mecanismos regulados. Ademais, en cumprimento do establecido nesta lei, as entidades locais da provincia teñen a obriga de implantar unha canle interna de información que cumpra coa súa finalidade e permita que as persoas físicas poidan informar sobre algunhas infraccións administrativas graves ou moi graves ou feitos delituosos.

A Deputación de Pontevedra ten operativa desde o verán na súa páxina web a canle de información sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción para dar cumprimento á Lei 2/2023. A través dela calquera persoa empregada pública da institución e a cidadanía en xeral, tanto de xeito anónimo como nominativo, pode poñer en coñecemento accións ou condutas do persoal ou dos órganos da institución provincial que poidan constituír incumprimentos normativos, fraude ou calquera tipo de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave.