Marta Fernández-Tapias asistiu no parque de Castrelos ao arranque da 40.ª Marcha Aspanaex

08/10/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu no parque de Castrelos ao arranque da 40.ª Marcha Aspanaex, que promove esta asociación viguesa para visibilizar a situación das persoas con discapacidade intelectual e para recadar fondos cos que seguir financiando os seus servizos e programas.

Na súa intervención, Fernández-Tapias, agradeceu a resposta cidadá “á chamada de solidariedade” que realiza Aspanaex e destacou o “excepcional labor” diario deste colectivo en prol das nenas, nenos e persoas adultas con discapacidade intelectual desde hai 60 anos “que contribúe a construír unha mellor sociedade”. “Queremos un mundo responsable, comprometido e implicado coa plena inclusión, e sabemos que soamente o conseguiremos se camiñamos todas e todos xuntos e unidos”, engadiu.

A vicepresidenta quixo amosar o “firme apoio” da Deputación de Pontevedra ao proxecto integral que desenvolve Aspanaex no marco da acción social que promove a institución provincial e animou as e os presentes a gozar desta marcha de seis quilómetros de solidariedade polas rúas de Vigo.