Marta Fernández-Tapias participou na lectura do fallo da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza

07/11/2023

primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe no acto da lectura do fallo da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, convocado pola Asociación Évame Oroza. Na sesión, celebrada na sede do colectivo en Vigo, déronse a coñecer os gañadores deste certame nas modalidades de castelán e galego, mentres que Fernández-Tapias foi a encargada de desvelar o artista galardoado co recoñecemento á mellor iniciativa musical vinculada á poesía, que recaeu no cantautor Amancio Prada.

Na súa intervención, a vicepresidenta louvou esta iniciativa cultural do colectivo vigués e salientou que o poeta Carlos Oroza “merecía que un galardón de poesía creado en Galicia levase o seu nome”. “A enorme resposta que este concurso acadou na súa primeira edición xa é toda unha recompensa”, destacou. Fernández-Tapias felicitou os gañadores e, de xeito especial, destacou a traxectoria de Amancio Prada: “Ninguén mellor ca el para poñer voz e melodía á poesía”, apuntou. Ademais, a vicepresidenta amosou o compromiso da Deputación coa cultura como “eixo de acción fundamental” do novo Goberno provincial e con especial atención a Vigo. “A cidade —concluíu— ten que recuperar a posición que tivo nas vangardas culturais”.