Marta Fernández-Tapias participou no Auditorio Mar de Vigo na inauguración da sétima edición de Faro Educa

06/10/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu no Auditorio Mar de Vigo á inauguración da sétima edición de Faro Educa, o congreso sobre educación organizado por Faro de Vigo co patrocinio da institución provincial.

A vicepresidenta sinalou que “a actualización en materia educativa é fundamental para o profesorado, que, para poder seguir ensinando, debe seguir formándose e aprendendo constantemente”, e puxo o foco nos “tempos vertixinosos e cambiantes, que afectan enormemente os alumnos”. Ante iso, sinalou Fernández-Tapias, “para o profesorado é cada vez máis importante comprender as dinámicas que rexen o seu comportamento e adaptarse a elas para que poidan asimilar todo o coñecemento que se lles transmite”.

A vicepresidenta primeira lembrou que a Deputación non ten competencias no ámbito educativo, “pero preocúpannos os nosos nenos e mozos e, por iso, ofrecémoslles ferramentas e recursos para alcanzar as súas metas” coma as bolsas Erasmus+, o programa de impulso á cultura emprendedora nos centros de ensino ou as escolas deportivas.