A Deputación recibe en Madrid a Medalla de Honor con Mención Especial da Asociación Española de la Carretera

O deputado de Infraestruturas en funcións, Gregorio Agís, recolleu a distinción no acto que vén de ter lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade Politécnica

08/06/2023

Medalla de Honor con Mención Especial da Asociación Española de la Carretera

O deputado provincial de Infraestruturas en funcións, Gregorio Agís, recibiu este xoves, 8 de xuño, en representación da Deputación de Pontevedra, a Medalla de Honor con Mención Especial que concede a Asociación Española de la Carretera (AEC) pola aposta e compromiso da institución coa recuperación do espazo público para as persoas. O acto de entrega, no que se distinguiu a persoas, representantes empresariais e institucións de todo o Estado, tivo lugar en Madrid na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade Politécnica.

O presidente da AEC, Juan Francisco Lazcano, subliñou hoxe que estas medallas responden “ao compromiso viario” das persoas e entidades galardoadas, “ás que distinguimos polas súas actuacións no progreso viario, como responsables máximos de que poidamos acadar os nosos destinos de forma segura e sostible”. Pola súa banda, o deputado de Infraestruturas en funcións, Gregorio Agís, agradeceu este novo recoñecemento “dunha asociación de prestixio nacional” ao modelo de mobilidade segura e sostible da Deputación, “que prima a seguridade e a recuperación do espazo público cun cambio de paradigma no que as persoas están no centro da acción e se busca recuperar as contornas de forma asociada ao deseño das estradas provinciais”.

Á hora de conceder esta distinción, a AEC subliñou o compromiso da Deputación de Pontevedra coa seguridade e o benestar da cidadanía e remarcou a súa aposta para que as persoas estean no centro de todo. O colectivo enxalzou as iniciativas e proxectos desenvolvidos pola Deputación para recuperar o espazo público, reducir a velocidade nas rúas, promover a mobilidade inclusiva, a creación de camiños escolares seguros e plataformas específicas para bicicletas e patinetes. Tamén puxo como exemplo o apoio prestado pola institución provincial na celebración dos congresos Vyodeal (Symposium Nacional de Vías y Obras de la Administración Local) do 2021, que tivo lugar no Pazo Provincial baixo o lema “A estrada como espazo público”, e os Congresos iberoamericanos de seguridade viaria (CISEV), organizados conxuntamente co Instituto Viario Ibero-Americano. 

A Asociación Española de la Carretera (AEC) é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1949, que traballa na defensa e promoción das estradas para conseguir unha rede viaria máis segura, más sostible, de maior calidade e máis intelixente e tecnolóxica. Na actualidade, as súas actuacións céntranse nos campos da dixitalización, a colectividade, a electrificación, a sostibilidade, a descarbonización, a seguridade viaria, a mobilidade urbana e a calidade de servizo das infraestruturas.