A Deputación mellorará a seguridade e creará unha senda peonil na EP-8004 en Meis

A institución provincial vén de aprobar o proxecto de execución para a habilitación deste itinerario peonil de 400 metros, que ten un orzamento de case 200.000 euros

26/04/2023

A Deputación vén de aprobar o proxecto para executar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP8004 Caldas-Vilanoviña ao seu paso por Meis, que prevén a habilitación dunha senda ao longo dun tramo de 400 metros para facilitar el tránsito das persoas e que incluirán tamén traballos de pavimentación, a execución do sistema de drenaxe de augas pluvais, así como a disposición de novo alumeado público. O investimento desta actuación acada os 199.553 euros, dos que a institución provincial achega o 80% (159.642€) e o Concello de Meis o restante 20% (39.910€).

Os traballos desenvolveranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 7+650 e 8+050, que na actualidade non dispón de beirarrúas ou sendas para o tránsito peonil. A nova senda, que terá 2,5 metros de ancho, discorrerá pola marxe esquerda do viario ao longo deses 400 metros, concretamente desde o núcleo poboacional de Lantañón, travesía que conta con beirarrúas, ata o inicio do antigo trazado da EP8004 en Vilanoviña. A senda estará ao mesmo nivel da estrada e executarase en formigón coloreado. Por outra banda, os traballos tamén comprenden a adaptación do sistema de drenaxe existente á nova xeometría da senda, así como a instalación de puntos de luz de 8 metros de altura ao longo da senda. Tamén se renovará a sinalización vertical no viario, e repintaranse as marcas viarias no tramo de actuación.

A habilitación desta nova senda únese aos traballos de mellora da seguridade viaria en trámite de adxudicación que se realizarán en todo o trazado desta estrada (8,2 quilómetros), que atravesa Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa e Meis, por un orzamento dun millón de euros. As obras consistirán na reparación da situación actual desta infraestrutura viaria mediante a execución de saneamentos e o fresado da capa de rodadura, que se atopa en mal estado. Procederase á aplicación dun tratamento superficial e ao recrecemento do firme mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente, e tamén á reposición da sinalización horizontal e vertical.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.