O Ciclo Mestre Mateo chega ao seu fin na Estrada co pase este mércores dun documental sobre María Casares

Trátase da película gañadora desta categoría nos galardóns do audiovisual galego. Poderase ver en Minicines Central a partir das 17:00 horas

21/11/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, chega ao seu fin na Estrada este mércores 22 de novembro co pase dun documental sobre María Casares. Deste xeito, Minicines Central acollerá ás 17:00 horas o pase do documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, gañador nesta categoría na última edición dos galardóns do audiovisual galego.

Con guión e dirección de Xavier Villaverde, o filme é unha homenaxe a María Casares tras o primeiro centenario do seu nacemento e desde a súa Galicia natal na que se resalta a importancia da súa figura e se aborda a súa historia de forma íntima. Trátase dun retrato dunha vida que estivo marcada pola Guerra Civil e polo exilio, e na que se entrecruzan personalidades culturais do panorama internacional cos acontecementos históricos  ucedidos na Europa do século XX.

Coa proxección deste documental rematan as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo na Estrada, despois da exhibición ao longo dos últimos meses dos documentais Onde máis doe (dirixido por Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto) e No somos nada (Javier Corcuera), os filmes de animación Valentina (Chelo Loureiro) e Unicorn Wars (mellor longametraxe de animación nos premios do audiovisual galego), e O corpo aberto, recoñecida como mellor longametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo.

A programación continúa a desenvolverse nos concellos da Guarda e do Grove, onde se exhibirán ata final de mes este mesmo documental e a película Unicorn Wars, recoñecida como mellor longametraxe de animación na última edición dos Mestre Mateo, o pasado 11 de marzo. Ademais da Estrada, A Guarda e O Grove, os outros concellos nos que recalou a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo foron Caldas de Reis e Baiona.