Mos contará cunha nova beirarrúa entre as parroquias de Torroso e Guizán financiada cunha achega de 650.000 euros do Plan Concellos

Os fondos da Deputación servirán para xerar un itinerario peonil seguro e accesible nun tramo de case dous quilómetros moi transitado pola veciñanza

03/07/2022

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis na mellora da seguridade viaria da provincia ao dar luz verde en Xunta de Goberno a unha achega de 657.457 euros do Plan Concellos para Mos cos que se executará unha beirarrúa entre as parroquias de Torroso e Guizán, que suporá a creación dun espazo peonil seguro e accesible para a veciñanza.

Esta beirarrúa contará cun trazado de preto de dous quilómetros e partirá dende a Asociación Cultural de Guizán, seguindo o trazado das beirarrúas existentes, ata chegar ás vivendas situadas no núcleo rural de Eido Vello, na parroquia de Torroso. Deste xeito, o ámbito de actuación corresponde co trazado da estrada de Louriño – Sobráns, moi transitada polas e polos peóns ao comunicar as dotacións sociais, culturais e relixiosas de ambas parroquias.

A estrada precisa dun itinerario peonil seguro e accesible que se acadará co plan provincial. Nel optarase pola execución de espazos de coexistenica con preferencia peonil naqueles lugares onde as características espaciais da estrada non fagan posible un itinerario integramente peonil, buscando mediante a unificación dos pavimentos a redución da velocidade dos vehículos. A beirarrúa, que discorrerá pola marxe esquerda e dereita da estrada, adaptarase ao trazado existente e contará con vaos de acceso ás parcelas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.