O Museo celebra mañá os seus distintivos ‘Q’ de calidade e ‘S’ de sustentabilidade

O grupo Mallou porá a música e haberá intervencións de representantes das tres empresas que tamén acadaron o Q na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador

23/01/2023

O Museo de Pontevedra celebra mañá mércores que é a primeira entidade museística de todo o estado en recibir de maneira conxunta os Premios ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE).  O acto será ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo.

O Museo de Pontevedra recolleu os seus galardóns o pasado xoves na chamada ‘Noite Q’ ao abeiro de Fitur da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director Xosé Manuel Rey. Este martes preténdese compartir os premios coa cidadanía de maneira pública. As persoas interesadas en asistir poden facelo inscribíndose para o acto en reservas.museo@depo.gal.

Os distintivos da ‘Q’ e o ‘S’ foran xa concedidos o pasado mes de xullo e setembro, respectivamente. Só dispoñen do primeiro selo, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Thyssen-Bornemisza, en Madrid, e o MARQ de Alacante.

O Comité de Certificación do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), concedeu ao Museo de Pontevedra unha cualificación sobresaínte na súa avaliación. A puntuación media foi de 9,4 sobre 10, o que avala o cumprimento rigoroso da xestión da calidade na prestación de diferentes servizos á cidadanía, incluíndo aspectos tan importantes como a accesibilidade, a atención ao visitante, a sinaléctica, a comunicación e información ás persoas usuarias ou a xestión de visitas e actividades educativas e culturais.  Neste último apartado obtivo unha puntuación de 10.

Por outra parte, o Museo recibiu tamén o ‘S’ de sustentabilidade, converténdose no primeiro museo de España en recibir esta distinción (xunto coa Q de calidade). Este selo certifica a contribución do Museo aos obxectivos de desenvolvemento sostible mediante auditorías e cos máximos estándares de calidade. Isto permite ao Museo de Pontevedra aliñar a súa xestión cara ao cumprimento da Axenda 2030 da ONU mediante accións concretas adaptadas a esta institución. O plan de sustentabilidade do Museo certificado polo ICTE céntrase en concreto en tres obxectivos: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía asequible e non contaminante.

A obtención dos distintivos forma parte das accións contempladas no Plan Xeral de Actuación 2019-2023 do Museo, e reforza a súa aposta decidida pola calidade e a excelencia en tódolos ámbitos da súa xestión operativa diaria, por ofrecer a cada visita a mellor experiencia cultural e turística posible, e por converterse nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito do turismo cultural.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.