Francisco Prado-Vilar reflexiona este xoves no Museo sobre a importancia dos arquivos para a investigación e o futuro do patrimonio en Galicia

Na súa conferencia, ás 19 h no Edificio Castelao, revisará descubrimentos recentes froito do estudo de documentación, como o espolio das esculturas do tímpano de Carboeiro

12/04/2023

MUSEO CONFERENCIA PRADO VILAR CARBOEIRO MOSTEIRO

O Museo de Pontevedra organiza este xoves 13 de abril ás 19 h no Edificio Castelao a conferencia de Francisco Prado-Vilar ‘O tesouro dos arquivos: investigación, descubrimentos e o futuro do patrimonio de Galicia’. O investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas) percorrerá algúns dos descubrimentos recentes realizados froito da investigación en arquivos documentais e fotográficos, entre os que están os do Museo de Pontevedra.

Prado-Vilar exporá como ese traballo de pescuda en fondos arquivísticos contribuíu a revelar episodios descoñecidos da historia do noso patrimonio, como as miniaturas perdidas do Códice Calixtino e as estatuas dos profetas do mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria. Un exemplo notable é o recente descubrimento por parte de Prado-Vilar de documentación que demostra que as dúas esculturas do tímpano do mosteiro de Carboeiro (Silleda) que actualmente se atopan no Museo Marés de Barcelona, foron roubadas en 1957.

Na conferencia destacarase a importancia destas investigacións, tanto para axudar nos procesos de recuperación de obras espoliadas e a súa reintegración ao patrimonio público, como para coñecer aspectos novos da súa relevancia histórico-artística. Exemplo diso é a reconstrución completa da fachada mateana da catedral de Santiago coa reintegración de todas as súas esculturas dispersas aos seus lugares e significados orixinais, incluídas as figuras dos profetas Enoc e Elías que hoxe forman parte da colección do Museo de Pontevedra, grazas aos esforzos de estudosos como Filgueira Valverde, Sánchez Cantón e Chamoso Lamas.

Francisco Prado-Vilar licenciouse en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), co premio extraordinario de Licenciatura, tras o que obtivo os títulos de máster e doutoramento pola Universidade de Harvard. Antes de incorporarse á USC, ocupou cargos de investigación e docencia nas universidades de Princeton, Londres-Birkbeck, Complutense e Stanford, e foi director de proxectos no Royal Complutense College de Harvard, do que agora é investigador asociado.

A súa produción científica distínguese pola súa diversidade temática, carácter interdisciplinar e enfoques teóricos innovadores, explorando problemas históricos relevantes para a sociedade contemporánea e novos horizontes de coñecemento na intersección entre as humanidades e a tecnoloxía. Outro dos eixes da súa actividade profesional é o patrimonio. Foi membro do comité do Selo de Patrimonio Europeo (EHL), do que agora é conselleiro internacional; coordinador do comité científico para a restauración do Pórtico da Gloria; e Investigador Principal do Programa A. W. Mellon para o Pórtico da Gloria. No marco deste proxecto publicáronse os libros El Pórtico de la Gloria: Arquitectura, materia y visión; e El Pórtico de la Gloria: Conservación, policromía e transfiguración da materia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.