A diversidade de linguaxes artísticas no seo da Facultade de Belas Artes protagoniza a nova exposición do Museo, que se inaugura este xoves

Organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, “Campo de sementes 2” reúne a obra de trece artistas, docentes e antigo alumnado da facultade pontevedresa

20/11/2023

O Museo de Pontevedra inaugura este xoves unha nova exposición que reúne a obra plástica de trece artistas, docentes e antigo alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo. A mostra “Campo de sementes 2” inaugúrase o 23 de novembro, ás 19:30 horas, e poderá visitarse ata o 28 de xaneiro de 2024 no Edificio Castelao. O seu comisario é Xosé Manuel Buxán Bran, decano da facultade.

“Campo de sementes 2” xunta nun mesmo espazo unha mostra representativa da diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, en boa medida, na arte contemporánea galega. A nómina de artistas presentes fórmana Maruxa Alonso Gago, Berta Cáccamo, Miguel Cuba, Manolo Dimas, Carlos Fer, Elena Fernández Prada, Juan Fontaíña, Xisela Franco, Carmen Lage, Teresa Pajares, Ignacio Pérez-Jofre, Lucía Romaní e Sonia Tourón Estévez.

Esta exposición forma parte dun proxecto que tivo unha primeira edición co título de “Mestras e mestrados”, que se puido visitar no Edificio Sarmiento deste Museo de Pontevedra entre finais de 2020 e principios de 2021; más tarde, entre abril e maio de 2021, realizouse segunda mostra co título de “Campo de sementes” na Fundación RAC de Pontevedra e agora chega esta terceira entrega.

A obra exposta fórmana creacións dos últimos anos, coa excepción de dúas pinturas de Berta Cáccamo, artista e profesora de Belas Artes, falecida en 2018. Os seus lenzos, creados en 1984 e 1986, sitúanse no espazo central da sala. Ao seu redor atópase a fotografía de Carmen Lage, as indagacións de formas e texturas de Ignacio Pérez-Jofre e Carlos Fer e as grandes composicións pictóricas de Elena Fernández Prada e Teresa Pajares.

A mestura de linguaxes artísticas asoma na instalación cun vídeo e con fragmentos de louza de Xisela Franco ou na instalación fotográfica de Maruxa Alonso Gago e nas pezas do proxecto “Do (in)visíbel ao (im)posíbel na maternidade”, de Sonia Tourón Estévez. Nas súas obras Juan Fontaíña traballa con materiais coma o granito e a cerámica. Completan a exposición os acrílicos dentro e fóra do lenzo de Lucía Romaní, a pintura figurativa de Manolo Dimas e as ilustracións dixitais sobre a relación entre publicidade e patrimonio artístico de Miguel Cuba. 

Galerias de imaxes