Un concerto de arpa achegará ao Museo o legado musical do exilio republicano

En ‘Contrapuntos’ a arpista Alba Barreiro interpretará obra de Salvador Bacarisse o martes 30 de maio ás 19:00 h no Edificio Castelao

25/05/2023

Museo de Pontevedra, música Exilio Contrapuntos. Trio arpa Alba Barreiro

O Museo de Pontevedra conmemorará o Día de lembranza e homenaxe ás vítimas do exilio con ‘Contrapuntos’, unha proposta que nos achega á música de Salvador Bacarisse, compositor exiliado en París en 1939. Terá lugar o próximo martes 30 de maio ás 19:00 h no Edificio Castelao, cun concerto a cargo da arpista viguesa Alba Barreiro e unha conversa con Salvador Bacarisse Cuadrado, fillo do compositor.

Contrapuntos’ é unha acción de sensibilización e divulgación de memoria histórica. Toma como fío condutor a música como patrimonio e expresión artística, e presenta os relatos vivos das familias e descendentes que viviron a represión e o exilio da Guerra Civil.

A arpista Alba Barreiro (Vigo, 1988) ofrecerá un concerto no que presenta repertorio inédito para trío con arpa de Salvador Bacarisse (Madrid, 1898 – París, 1963), compositor integrante do Grupo dos Oito e Premio Nacional de Música en diversas ocasións. Xunto á violonchelista Margarida Mariño (Vigo, 1990) e o frautista Pablo Díaz Mera (Ferrol, 1991) interpretará a Sonata en trío op.13 de Salvador Bacarisse e Tres pezas de Xesús Bal y Gay (Lugo, 1905 – Madrid, 1993).

A actividade está comisariada por Samuel Diz, músico e investigador do legado cultural do exilio republicano. Completarase cunha conversa co fillo do compositor, Salvador Bacarisse Cuadrado (Madrid, 1923), quen lembrará como chegou co seu pai a París portando unicamente uns billetes inservibles da República e os manuscritos musicais. Na actualidade estes documentos consérvanse na Fundación Juan March e foron obxecto de estudo nas investigacións de Alba Barreiro.

Alba Barreiro

Nada en Vigo en 1988, Alba Barreiro iniciouse na arpa celta con Rodrigo Romaní e na arpa de pedais con Céline Landelle. Máis adiante formaríase en Musikene con Frédérique Cambreling, Christine Icart e Elisabeth Colard. O seu perfil polivalente levouna a colaborar como arpa principal e tamén como solista en agrupacións clásicas como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Vigo 430 ou a Orquestra Gaos e tamén compartindo escenario con artistas doutros estilos musicais como Carlos Núñez ou Abraham Cupeiro.

O seu interese pola investigación e a divulgación da nosa música conduciuna a publicar en 2020 o seu primeiro traballo discográfico, Eixos cromáticos, consistente en transcricións propias de obras de Andrés Gaos e Xesús Bal y Gay. Este traballo inclúe obras para arpa soa e obras de música de cámara para trío. Tamén estudou a figura de Nicanor Zabaleta, importante arpista donostiarra do século XX, afondando no repertorio para o trío coa mesma formación que liderou o arpista nos anos 30. Resultado desa investigación presentamos a Sonata en trío op. 13ª, de Salvador Bacarisse.

Sonata en trío op. 13ª, Salvador Bacarisse

A sonata de tres movementos foi escrita en marzo de 1932 para os músicos do Trío de Cámara integrado por Nicanor Zabaleta (arpa), Manuel Garijo (frauta) e Santos Gandía (cello) “en testimonio de admiración por su arte”. A obra foi concibida pouco despois do concerto radiofónico de presentación da agrupación nos estudios de Unión Radio o 12 de marzo de 1932, que foi organizado polo propio Bacarisse. A estrea da Sonata en trío tivo lugar o 25 de abril de 1932 no Teatro María Guerrero de Madrid. A crítica destacou a boa aceptación da obra e a aclamación recibida polo compositor. A última interpretación pública coñecida tivo lugar fai 90 anos, o 11 de abril de 1933.

  1. Allegro
  2. Adagio ma non troppo
  3. Allegro vivace

Tres pezas, de Xesús Bal y Gay

Esta obra é una transcrición para trío realizada por Alba Barreiro da obra Tres pezas para orquestra. A obra orixinal foi estreada o 3 de agosto de 1945 pola Orquesta Sinfónica de México baixo a dirección de Carlos Chávez. As Tres pezas levan o nome de títulos da poesía lírica que inflúen directamente na natureza de cada una delas: o carácter alegre e nupcial do Epitalamio, o ton fúnebre e melancólico da Elexía e o frenesí dionisíaco do Ditirambo. Bal y Gay parte deste concepto clásico, evolucionando coa súa propia linguaxe compositiva entre a tradición e a vangarda, que achega unha visión moi conceptual estimulándonos a través dos seus xogos contrastantes na procura de cores tímbricas e harmónicas. Tres pezas provoca na persoa ouvinte o efecto “como se un obxecto calquera fose sometido a raios de luz de diversas cores”.

  1. Epitalamio
  2. Elexía
  3. Ditirambo