O Museo comeza a redacción do proxecto de execución para a rehabilitación e unión dos edificios centrais

O informe do Servizo de Patrimonio despexa as dúbidas sobre o correcto enfoque da actuación

01/04/2022

O Museo está xa a traballar na redacción do proxecto de execución co que poder solicitar a licencia de obra para rehabilitar e unir os edificios Castro Monteagudo e García Flórez. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen confirmou que o traballo está en marcha logo de que o informe de Patrimonio despexara dúbidas sobre o correcto enfoque da actuación proposta pola Deputación.

Mosquera confirmou que o Servizo de Patrimonio da Xunta tardou catro meses en informar a proposta presentada o pasado novembro a pesares de que xa coñecía o ‘preproxecto’ entregado previamente para saber se se estaba “ben tirado o tiro”. A pesares da demora o nacionalista fixo unha lectura positiva da situación, xa que aínda que asumiu que non se cumprirán os prazos previstos de adxudicar as obras no primeiro semestre, polo menos hai confirmación de que a parte conceptual da obra está ben na liña axeitada. “Nunha actuación deste estilo non me preocupan un mes ou dous se vai todo ben”, asegurou.

En canto ás características do proxecto definitivo, Mosquera explicou que a parte externa dos edificios quedará tal e como está na actualidade tanto por esixencia de Patrimonio como polo plantexamento propio da Deputación e do Museo. “Considerámolo razonable”, dixo, para engadir que a única modificación será a retirada dunha bufarda dos anos sesenta do edificio García Flores.

En canto ao interior dos inmobles “limparanse” os engadidos construtivos coa intención de volver o máximo posible á súa versión orixinal, xa que ao longo dos anos levantáronse tabiques e outras divisións que nestes momentos non resultan prácticas. “Simplificarase todo moito”, apuntou.

Nesta primeira fase das obras tamén se ampliará e mellorará a conexión existente entre os dous edificios centrais máis antigos (García Flórez e Castro Monteagudo) para que unha vez se entra no conxunto a circulación entre un e outro poida facerse sen ter que saír a rúa. Deixarase para unha segunda fase a conexión soterrada co edificio Fernández López.

Outra das actuacións recollidas no proxecto será a mellora do acondicionamento e climatización, incluíndo as determinacións básicas sobre temperatura e humidade necesarias para a conservación de obras de arte, e tamén da accesibilidade. Instalaranse dous ascensores nos sitios nos que naturalmente teñen mellor cabida, un deles na torre traseira do Castro de Monteagudo que data dos anos 60 e que nestes momentos está en malas condicións.

O obxectivo é que o novo proxecto para solicitar licencia con todas as características concretas para solicitar licencia e novos informes sectoriais poida estar rematado nun prazo de dous meses.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.