O Museo recorda á catedrática de Historia da Arte Ana Goy cun seminario sobre patrimonio cultural

Celebrarase o xoves 15 de xuño pola tarde no Edificio Castelao, con nove comunicacións sobre a relación do patrimonio coa memoria e a identidade e sobre a súa protección e conservación

07/06/2023

Museo seminario Ana Goy

O Museo de Pontevedra organiza o 15 de xuño o seminario ‘Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural’, co que quere recordar o intenso traballo de investigación e posta en valor do patrimonio cultural da profesora Ana Goy Diz. O seminario terá lugar o xoves 15 pola tarde, de 16:00 a 19:30 horas, no Edificio Castelao. O acceso será libre, pero as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse ata o martes 13 de xuño escribindo a reservas.museo@depo.gal.

O seminario propón unha aproximación a diferentes aspectos relacionados co patrimonio cultural, campo de investigación no que a homenaxeada desenvolveu a súa traxectoria académica. A súa defensa do patrimonio galego, a súa investigación, xestión e protección, máis aló dos valores monumentais e histórico-artísticos, motiva os contidos destas xornadas, nas que participan persoas moi vinculadas á súa vida e traxectoria profesional.

O encontro abordará un problema central, o do valor do patrimonio como testemuño dunha memoria colectiva, e referencia, polo tanto, da identidade dunha comunidade que se constrúe socialmente. Este legado cultural forma parte dun amplo contexto plural que está constituído, ao mesmo tempo, por un conxunto de valores que o particularizan e o distinguen. A responsabilidade da súa conservación e salvagarda implica necesariamente a súa identificación e estudo.

A esta relación entre patrimonio, memoria e identidade dedícase a primeira sesión do seminario, con intervencións sobre o templo de San Xinés de Padriñán (Sanxenxo), sobre os bispos lucenses Fernando de Velosillo e Francisco Yzquierdo Tavira e sobre a Carta de Cracovia.

Por outra banda, para a protección e conservación empréganse diferentes recursos e estratexias que poden garantir e preservar eses valores e a súa transmisión ás xeracións vindeiras. A estas estratexias de sostibilidade do patrimonio dedícase a segunda sesión. As intervencións versarán sobre as aplicacións da investigación arquivística na Historia da Arte, a cunca alta do Tera como paisaxe cultural, a posta en valor do cuartel de San Fernando de Lugo, a Torre de Hércules e a Catedral de Mondoñedo e a candidatura da Ribeira Sacra á lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

En memoria de Ana Goy

O director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, presentará o seminario, no que a súa coordinadora, Diana Duo Ramila, fará unha semblanza da homenaxeada. Ana Goy Diz (1966-2022) foi catedrática de Historia da Arte, a primeira do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, e membro da Real Academia de Belas Artes, na que ingresou en maio de 2021. Tamén foi representante de Galicia no Icomos, o Comité Internacional dos Monumentos e os Sitios.

Ana Goy conta cunha importante produción como investigadora, con máis de 14 monografías publicadas, como Artistas, talleres e gremios en Galicia (1600-1650), Visiones y reflexiones sobre el Patrimonio Cultural e A actividade artística en Santiago : 1600-1648. Formou parte do grupo de investigación Iacobus. Ao seu labor como investigadora e docente uniu a súa participación directa en cometidos de xestión e promoción do patrimonio. Foi directora do Centro de Estudos de Historia de Lugo e vicedecana da Facultade de Humanidades desa cidade.

Implicouse directamente nos traballos para a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade e na presentación da candidatura da Ribeira Sacra. Precisamente a Ribeira Sacra e a construción dunha paisaxe cultural centraron o seu discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes. Tamén desenvolveu plans directores como o de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes