A deputada provincial de Turismo, Nava Castro, participa no acto de presentación do festival Revenidas 2023

31/08/2023

Festival Revenidas
Festival Revenidas

 

A deputada de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, participou esta mañá en Vilaxoán na presentación do Festival Revenidas, que terá lugar entre o 7 e o 9 de setembro na parroquia vilagarciá e que celebra este ano o seu 20 aniversario. A deputada provincial salientou a importancia desta cita, que “pon en valor a cultura, a música e a convivencia: sinais de identidade desta provincia e que nos fan únicos”, e que “desde os seus no ano 2003 non deixou de crecer en canto a número de actividades e asistencia”.

“Revenidas é Vilaxoán e Vilaxóan e Revenidas”, subliñou Nava Castro ao tempo que lembrou que o seu compromiso “coa nosa terra, coa cultura, coas tradicións e coa identidade é tamén compartido pola Deputación de Pontevedra”, polo que a institución provincial “seguirá impulsando todo o que tan ben fala de nós e nos sitúa no mundo, como é o caso deste festival”. “Apoiaremos e poñerémonos ao lado de iniciativas como esta, que fan que a xente nos coñeza”, confirmou, ao tempo que agradeceu o traballo da organización e de todas as persoas e entidades “que se implican e fan posible que o Revenidas sexa unha realidade”.