A Deputación lanza 900 prazas na nova edición das visitas ás camelias do Castelo de Soutomaior

Serán 45 visitas nas dúas modalidades de guiadas e teatralizadas que se realizarán entre o 2 de febreiro e o 30 de marzo

24/01/2023

Rolda de prensa de Carmela Silva

Coincidindo coa súa etapa de floración, volven as visitas ás camelias do Castelo de Soutomaior. A partir do 2 de febreiro e ata o 30 de marzo celebraranse as dúas modalidades destas visitas, guiadas e teatralizadas, polo Xardín de Excelencia Internacional do complexo, cun total de 900 prazas dispoñibles. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor que a Deputación “segue programando cada día con maior antelación actividades de promoción turística que están conseguindo que teñamos uns resultados extraordinarios na provincia”. As persoas interesadas poderán adquirir os seus tickets a partir do venres 27 de xaneiro na web www.castelodesoutomaior.com.

“As camelias do Castelo. Un Xardín de Excelencia” arrancará o 2 de febreiro coas Visitas Guiadas. Son rutas polos xardíns  guiadas por persoal especializado do Castelo e centradas na floración dos distintos tipos de camelia. Contarase a evolución histórica desta especie, así como as variedades máis significativas deste xardín. Serán 17 sesións cun total de 340 prazas (cun máximo de 20 cada unha) e terán lugar os martes e xoves ás 16.30h ata o 30 de marzo. Deste xeito, en febreiro celebraranse os días 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23 e 28 e, en marzo, o día 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30. O prezo é de  3€.

No que atinxe ás Visitas Caracterizadas, de novo estarán protagonizadas por actrices que encarnarán a María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel, que serán as encargadas de amosar os xardíns de Camelia. A continuación, as persoas participantes poderán visitar o Castelo de Soutomaior de maneira autoguiada e gratuíta. Serán un total de 28 sesións con 560 prazas (tamén 2o cada unha), que comezarán o sábado 4 de febreiro e celebraranse as fins de semana de febreiro e marzo, con dúas quendas por día, ás 12 e 16 horas. En febreiro serán os días 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25 e en marzo o 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25. O prezo é de 8€.

Amais de coñecer todas as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo, así como a súa orixe, coidados e curiosidades, a visita inclúe tamén o percorrido polo “Xardín de Camelia con nome de muller”, que xa inclúe exemplares en honor de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega e María Casares. As visitas guiadas ofrecen tamén a posibilidade de coñecer á plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.

Galerias de imaxes

audios

Noticias relacionadas

 
		A Deputación sementa a lembranza da gran María Casares na provincia cunha camelia co seu nome no castelo de Soutomaior

A Deputación sementa a lembranza da gran María Casares na provincia cunha camelia co seu nome no castelo de Soutomaior

Carmela Silva: “Queremos reivindicar hoxe a arte e a extraordinaria calidade dunha actriz inigualable, a súa vida e valentía e o seu compromiso cun mundo novo que aínda non fomos capaces de construír no que as mulleres ocupemos o noso espazo”

 
		O Xardín con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior enriquécese coa chegada da nova camelia “María Casares”

O Xardín con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior enriquécese coa chegada da nova camelia “María Casares”

A Deputación conmemorará o próximo martes o centenario do nacemento da actriz galega. Carmela Silva: “Queremos que haxa grandes referentes que sirvan a outras mulleres a querer ocupar espazos como o ocupou María Casares”

 
		Arrancan as visitas ás camelias do xardín de excelencia internacional do Castelo de Soutomaior

Arrancan as visitas ás camelias do xardín de excelencia internacional do Castelo de Soutomaior

A Deputación inicia este martes as visitas guiadas ao espazo coincidindo coa floración, mentres que as caracterizadas, que protagonizarán María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel, comezarán o sábado 5