O Museo abre este xoves unha exposición sobre as mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete das Mendoza’ a finais do século XIX e principios do XX

‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’ reúne obras de arte, fotografías, vestidos ou mobiliario que amosarán como era a alta sociedade da época

21/02/2022

Exposición Mendoza

O Museo de Pontevedra abrirá este xoves a exposición ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza  Babiano.  Dúas  xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’, unha mostra que pretende amosar cunha visión obxectiva, baseada na investigación, quen eran Carmen  Babiano Méndez-Núñez e as súas fillas María e Concha Mendoza, mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete  das Mendoza’ a finais do século XIX e principios do XX, reconstruíndo, o ambiente cultural e social da época a través da pintura, a música, a fotografía e a moda.

A exposición está composta de obxectos persoais, obras de arte, libros, fotografías inéditas ou exemplos da súa vestimenta que forman parte dos fondos do propio Museo de Pontevedra e foron restauradas para esta ocasión. As comisarias da mostra, as conservadoras do Museo de Pontevedra Reis  Camiña, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas,  explican que se ofrece “unha parte importante da colección deste Museo, tanto fotográfica, como de artes decorativas ou de pintura, procede desta familia. É a primeira vez que se van a ver moitos deses fondos que levan aquí desde principios dos anos 70”.

A través de todos eses fondos poderase coñecer o tipo de educación que recibía unha muller da alta sociedade como Carmen Babiano, quen desenvolvese actividades artísticas e culturais que tiveron unha importante repercusión no ambiente intelectual de Pontevedra na segunda metade do século  XIX.  A súa formación transmitiuna ás súas fillas que, seguindo o seu exemplo, converteron a residencia familiar, o ‘Chalé Méndez Núñez’, despois coñecido como ‘Palacete das Mendoza’, nun referente cultural.

Os faladoiros, os bailes de sociedade e as veladas musicais que se celebraban nos seus salóns, foron o lugar de encontro non só do máis destacado da sociedade pontevedresa senón de todos os personaxes ilustres que visitaban a cidade.  “Afastándonos dos estereotipos a exposición pretende mostrar como eran realmente, como vivían, os seus gustos, as súas afeccións, que eran comúns ás mulleres burguesas da época, o que chama a atención é que iso se produciu nunha cidade como Pontevedra”, explican as comisarias.

O percorrido da mostra está estruturado en dúas partes: unha primeira dedicada á nai e a súa traxectoria como artista, e unha segunda -máis ampla-, que reflicte a vida das súas fillas como continuadoras do seu legado. A sociedade, o Palacete das Mendoza como reflexo do luxo burgués, Oriente no chalé, a imaxe interior e o culto á beleza e a moda e os complementos, son os distintos apartados nos que se desenvolve a exposición, que ofrecerá a oportunidade de ver pezas nunca antes amosadas.

Para coñecer a exposición de maneira diferente o Museo vén de organizar visitas teatralizadas que comezarán este sábado e se repetirán todos os sábados en dúas quendas (17.30 e 19.00 horas). Haberá que reservar praza con anterioridade xa que a capacidade é limitada a 20 persoas por quenda. As persoas que queiran asistir a estas visitas a cargo da compañía Señora Supina, deberán enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.

documentos

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.