Un obradoiro no Museo introducirá ao público adulto participante no uso do bordado como técnica pictórica

A artista mexicana Martitza Berttolini impartirá o obradoiro ‘Ilustración bordada’, que se desenvolverá en dúas quendas ao longo dos meses de xaneiro, febreiro e marzo

04/01/2023

OBRADOIRO ILUSTRACIÓN BORDADA

O Museo de Pontevedra organiza para o primeiro trimestre do ano un obradoiro de ‘Ilustración bordada’ dirixido a público adulto. O obradoiro desenvolverase en dúas quendas de cinco sesións, os xoves de 18:00 a 19:30 h. O primeiro grupo será os días 12, 19 e 26 de xaneiro e 2 e 9 de febreiro, e o segundo os días 16 e 23 de febreiro e 2, 9 e 16 de marzo. A inscrición é gratuíta e poderase facer a partir do luns 9 de xaneiro en reservas.museo@depo.gal. As 12 prazas dispoñibles en cada quenda adxudicaranse por orde de inscrición.

O taller trata do bordado como técnica pictórica, na que o fío e a agulla se empregan como ferramentas para transformar unha ilustración 2D noutra con volume e texturas, utilizando como base o téxtil. As persoas participantes tomarán como punto de partida obras pertencentes á colección do Museo, de artistas como Castelao, Carlos Maside e Urbano Lugrís.

Durante as sete horas e media de obradoiro, as persoas participantes experimentarán os diferentes tipos de puntadas que existen no bordado e como a gama cromática inflúe no mundo téxtil e a diferencia entre contraste (textura) e volume (sentido das puntadas). Tamén aprenderán cales son as mellores puntadas para realizar cada ilustración, os acentos de cor e a resolución de imprevistos. Por último, trataranse os acabados finais, a presentación e os coidados básicos para a conservación da peza.

O obradoiro será impartido pola artista téxtil mexicana Maritza Berttolini, que traballa con diferentes técnicas téxtiles, como bordado, tapiz, colaxe e debuxos a máquina de coser. Berttolini crea con técnicas tradicionais traducíndoas ao contemporáneo, traballando meticulosamente o tecido a man para facer cada peza única. Conta cunha longa experiencia como formadora, con numerosos obradoiros impartidos en México, Madrid, Pontevedra e outras cidades.