O Museo de Pontevedra celebra o Día Mundial da Arquitectura con catro obradoiros para nenas e nenos de 6 a 12 anos

Serán actividades independentes que se desenvolverán nas mañás do sábado 30 de setembro e do domingo 1 de outubro; a inscrición farase a través de info@tallerabierto.gal

22/09/2023

Arquitectura no Museo

O Museo de Pontevedraorganiza catro obradoiros polo Día Mundial da Arquitectura, que se celebra cada ano o primeiro luns de outubro. As actividades, dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos de idade, terán lugar o sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro pola mañá. Terán unha duración de hora e media e serán obradoiros independentes. A inscrición pode facerse a través de info@tallerabierto.gal.

O lema da conmemoración deste ano é “Arquitectura para comunidades resilientes”. A Unión Internacional de Arquitectos pon o foco na capacidade e na responsabilidade da arquitectura para crear vida comunitaria. Aliñado con este obxectivo, o museo propón catro actividades para achegarlle esta disciplina á rapazada de educación primaria. Os obradoiros centraranse en conceptos e temas clave que axuden as e os participantes a comprender como a arquitectura e o urbanismo poden mellorar a vida das persoas.

Os obradoiros que se van desenvolver son:

  • Sábado 30 de setembro, de 10:30 a 12:00 h, As Ferramentas da Arquitecta
  • Sábado 30 de setembro, de 12:15 a 13:45 h, Do Plano á Maqueta
  • Domingo 1 de outubro, de 10:30 a 12:00 h, Recoñecendo a Cidade
  • Domingo 1 de outubro, de 12:15 a 13:45 h, Imaxina o Teu Museo

As Ferramentas da Arquitecta

Neste obradoiro explicaranse os elementos e os conceptos que manexan as arquitecturas e os arquitectos para desenvolver o seu traballo de maneira axeitada. Falarase de escala e das dimensións que deben ter as cousas para adaptarse á escala humana.

Do Plano á Maqueta

Unha construción materialízase en tres dimensións, pero cómpre facer un paso previo, o plano, no que se describen con precisión as dimensións, a forma e os materiais do que logo será edificado. No segundo obradoiro do sábado 30 proponse saltar das dúas ás tres dimensións poñendo en xogo os mecanismos de visión espacial necesarios para entender o volume do debuxado previamente.

Recoñecendo a Cidade

O domingo 1 de outubro desenvolverase un primeiro obradoiro centrado no urbanismo, en como xorden e se van conformando as cidades pola superposición de tecidos que responden a formas de construír e entender como debe habitarse o espazo. Nesta actividade as e os participantes aprenderán a recoñecer a forma urbana segundo a época e a entender o porqué da súa estrutura.

Imaxina o Teu Museo

O último obradoiro tamén terá lugar o domingo e nel poderase coñecer como se combina o existente co novo nun exercicio plástico onde facer unha proposta alternativa de arquitectura contemporánea para o Edificio Castelao.

Arquitectura no Museo