A Deputación substituirá a pasarela de madeira da estrada de Baiona a Loureza

A institución provincial aproba o expediente de contratación das obras, dotadas de preto de 130.000 euros, para darlle unha nova solución á mobilidade peonil nunha zona que provoca corrosións pola súa proximidade ao mar

09/11/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación das obras de reposición da pasarela de madeira que se atopa na estrada provincial que une Baiona con Loureza, na EP-2202. O proxecto está dotado de preto de 130.000 euros e permitirá arranxar o actual estado de corrosión avanzada desta pasarela e mais da estrutura de aceiro que a soporta, provocado pola súa exposición ao ambiente mariño ao atoparse a tan só cen metros do mar.

Como solución técnica máis óptima, a institución provincial opta pola construción dun muro de contención con recheo para ampliar o espazo contiguo á estrada e que este sirva de soporte para executar posteriormente unha nova beirarrúa en formigón coloreado. Deste xeito, evitarase executar unha nova estrutura de aceiro e os pavimentos en madeira que, coma as actuais, tamén serían susceptibles de corrosión e requirirían de considerables traballos de mantemento.

O muro de contención de pedra e mais o pavimento de formigón proxectados apenas teñen mantemento, polo que a solución ademais de ser a máis vantaxosa desde o punto de vista económico, é tamén a máis segura para o tráfico rodado e peonil. Para estes efectos, as obras consistirán na desmontaxe da estrutura, da pasarela, das varandas e da escaleira de acceso, e na execución do muro de contención (dunha altura variable de entre 2 e 5 metros) e mais da nova beirarrúa, que terá un ancho mínimo de 2,5 metros. Para poder executar o muro tamén se derrubará unha construción auxiliar que non ten un uso definido e, ademais, se atopa nun estado ruinoso.

Ademais, as escaleiras de acceso ao nivel inferior non cumpren as condicións mínimas de accesibilidade, seguridade e uso, ao ser irregulares e contar con chanzos excesivamente altos, estreitos e desnivelados, o que supón un gran risco para as persoas. Por estas razóns, executarase unha nova escaleira que irá acaroada e ancorada ao novo muro, que se dotará de chanzos de medidas regulares e terá un ancho mínimo de 1,50 metros.