A Deputación saca músculo do talento emprendedor da provincia no peche da I Aceleradora Multisectorial e do II Concurso de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras

Carmela Silva: “Todos os proxectos teñen unha mirada moi social, innovadora e comprometida, que fala de xente que quere crear empresas diferentes, con valores centrados na sostibilidade, no coidado, no humanismo, que constrúen sociedades e fan que o mundo sexa mellor”

28/11/2022

PECHE I ACELERADORA MULTISECTORIAL E ENTREGA PREMIOS SOLUCIÓNS INNOVADORAS

Orgullosa polo músculo e “talento emprendedor” da provincia, a presidenta da Deputación Carmela Silva, xunto á directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, e a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, veñen de pechar na sede de Vigo a I Aceleradora multisectorial de empresas SmartPeme e de entregar os premios do II Concurso de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos. AC8 Arquitectura (Vigo), con 900 €, e ProPlantae (Nigrán), con 600 €, recibiron o primeiro e segundo premio respectivamente ás mellores iniciativas da aceleradora e Rurale (A Guarda) e AirCO2 (Pontevedra)  acadaron cadanseu galardón de 2.000 € no marco do concurso de innovación.  Todas as iniciativas, destacou a presidenta, teñen unha mirada “moi social, innovadora e comprometida, que fala de xente que quere crear empresas diferentes con valores centrados na sostibildiade, no coidado, no humanismo, que constrúen sociedades e fan que o mundo sexa mellor”.

“Somos unha provincia que avanza e avanza moito, e iso ten moito que ver coa nosa vinculación con grandes proxectos industriais e cunha universidade que fomenta moito o talento. Comezar o luns falando de innovación, emprendemento, talento, intelixencia, capacidade de crear riqueza e emprego, de intentar ser unha referencia nos novos retos aos que nos enfrontamos como sociedade é un chute de enerxía” asegurou Carmela Silva na xornada. A presidenta, amais de remarcar o compromiso do persoal implicado no programa SmartPeme, enxalzou o papel dos proxectos presentados tanto á aceleradora como ao concurso de solucións innovadoras: “Son todos únicos e moi importantes, vinculados ao medio ambiente, ao coidado do planeta, a dar vida ao rural, ao turismo sostible, aos coidados, a dar novas respostas a necesidades novas”. Tamén fixo fincapé na colaboración público-privada coa Fundación Roberto Rivas, entidade coa que a Deputación ten en marcha un convenio para impulsar estas iniciativas, que está a permitir “favorecer o desenvolvemento, impulsar o talento e a innovación en todo o territorio da provincia”. “Non hai posibilidades de avanzar –destacou- se non o facemos sumando sinerxías”.

Precisamente neste mesmo eido incidiu Olga Rivas, directora da Fundación Roberto Rivas, quen ademais subliñou que “cada vez se están a presentar proxectos máis innovadores e atractivos, que xeran emprego e autoemprego e contribúen a transformar o sector e a contorna e a xerar riqueza”.

A I Aceleradora multisectorial de empresas SmartPeme, que vén de pecharse coa entrega de premios ás mellores iniciativas aceleradas a AC8 Arquitectura e ProPlantae, desenvolveuse entre setembro e novembro coa participación de proxectos “recentemente nados”, que tiñan por obxectivo reorientar o seu negocio e poñer en marcha a súa actividade en liña. Para elo, durante este tempo, achegóuselle formación sobre o emprego das TIC, as redes sociais e a imaxe corporativa.

O gañador da I Aceleradora multisectorial de empresas foi Alexandre Cameselle con AC8 Arquitectura (Vigo), estudo de arquitectura especializado nos cambios de uso de locais a vivenda, co obxectivo de paliar a escaseza existente e os altos prezos, rexenerando ademais o mercado inmobiliario ao reconverter locais comerciais devaluados e sen demanda, de maneira rápida e ecolóxica. O segundo premio recalou en Vanesa Redondo con ProPlantae (Nigrán), un laboratorio biotecnolóxico cuxa misión é diagnosticar fungos e estudar a multiplicación de microorganismos antagonistas para producir extractos de plantas coa finalidade de empregar como bioestimulantes, biocidas ou outros produtos que incrementen o rendemento dos cultivos.

Xunto a AC8 Arquitectura e ProPlantae tamén participaron na aceleradora Rosa María Estévez con Marla Crianza (Ponteareas), proxecto baseado na dixitalización e venda en liña de produtos de puericultura e crianza respectuosa, que tamén imparte charlas e asesoramentos personalizados sobre lactación, porteo ou alimentación complementaria; María Soliño con Capptus (Vigo), startup turística que pretende facilitar a comunicación entre a axencia de viaxes, guía turística e persoas viaxeiras, para que sexa rápida, cómoda e en tempo real; e María Rivas Couceiro con Parque de Aromas Maruxío (Pontevedra) cun proxecto de agroturismo que oferta turismo de experiencias 360º a través de aloxamento e da  recuperación da cultura das plantas aromáticas, culinarias e medicinais.

II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras

Tamén se puxo fin ao II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras, que arrancou o 28 de outubro, coa entrega de premios a Rurale e AirCO2. Esta iniciativa, que se trata do cuarto reto tecnolóxico lanzado pola Deputación dende o 2019, tiña por obxectivo galardoar ás mellores iniciativas en impulsar solucións innovadoras a través da creación dunha aplicación móbil, web ou plataforma tecnolóxica que axudase a promover a sustentabilidade nas empresas e no medio rural, a contribuír na mellora da igualdade nas empresas e a impulsar o emprendemento.

No II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras déronse cita tres proxectos liderados por cinco mulleres e catro homes. Rurale (A Guarda) impulsado por Jarol Meléndez, Leticia Correa e Luis Eduardo Castro, ten como obxectivo sacar proveito a terreos en desuso a través dunha app para crear comunidade entre persoas propietarias dos terreos e persoas usuarias de xeito que as primeiras saquen rendemento e manteñan limpos as súas propiedades ao tempo que as usuarias dispoñen dun catálogo de terreos a bo prezo para o seu desfrute. AirCO2 (Pontevedra) liderado por Máximo Sánchez, Pío Iglesias e Estela Cardala pretende democratizar e facilitar a transición  ecolóxica axudando ás empresas a medir, reducir e compensar a pegada de carbono a través dunha aplicación que permite medir as emisións e compensalas asociándose con persoas propietarias de leiras en montes. MeetRural (Baiona) impulsado por Sandra Fontinha, Lucía Prado e Agustina Patiño trátase dunha plataforma con información tanto dos concellos rurais do sur de Galicia e norte de Portugal como dos negocios e profesionais que neles se sitúan, para fomentar o comercio de proximidade e o consumo local.

De Rurale e AirCO2, os proxectos vencedores do II Concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras o xurado valorou positivamente a innovación dos seus modelos de negocio, o impacto que xeran na provincia, a incorporación de elementos innovadores e tecnolóxicos, o feito de ser proxectos escalables dixitalmente e a inclusión de acción sostibles.

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.