Mondariz-Balneario contará cunha nova sala multiúsos cos recursos do Plan Concellos

A Deputación achega 69.000 € ao acondicionamento do primeiro andar do Centro de Saúde para dotalo dun espazo de concepto aberto que complementará os usos da Casa do Concello

07/05/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar unha achega de 69.305,25 € para Mondariz-Balneario no marco da liña 1 do Plan Concellos co fin de financiar o proxecto de acondicionamento do primeiro andar do inmoble no que se atopa o Centro de Saúde da vila, situado no número 2 da rúa Enrique Beotas. O obxectivo deste proxecto é converter este andar, na actualidade desocupado e que no pasado combinou un uso residencial co de atención primaria, nunha sala multiusos de concepto aberto que servirá de complemento ás instalacións da Casa do Concello.

Grazas ás achegas do Plan Concellos, o primeiro andar do edificio, moi próximo á casa consistorial, converterase nun espazo flexible, aberto e mutable de 54 m2 que tamén contará, ademais deste espazo aberto e adaptable, con dous despachos, un office e dous aseos. A actuación para a nova sala multiusos de Mondariz-Balneario réxese polo principio da accesibilidade universal e pola flexibilidade espacial, co obxectivo de dinamizar este espazo e conseguir que teña un uso axeitado ás súas necesidades actuais. Na actualidade, o andar atópase dividido, cunha distribución moi sectorizada que ademais imposibilita a incorporación de percorridos e instalacións accesibles.

Deste xeito, nesta nova dotación terán cabida, entre outros, eventos formativos ou obradoiros cunha dinámica 2.0 que permitirá instalar estacións de traballo temporais ou permanentes segundo o requiran as circunstancias de cada momento. Ademais reformarase o acceso desde o andar baixo, coa construción dunhas novas escaleiras que permitirán incluír no futuro un sistema de plataforma salvaescaleiras.