O Pleno da Deputación aproba a modificación das bases do “Programa PON2030” para favorecer o aforro dos concellos

29/09/2023

Pleno 29-09-2023

O Pleno da Deputación aprobou este venres, na súa sesión ordinaria, a modificación das bases do “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030” (PON2030) para favorecer o aforro dos concellos. Un apoio aos gobernos locais que é unha das liñas mestras marcadas polo actual Goberno provincial.

O cambio aplícase na base vixésima do regulamento. A partir de agora, este punto recolle que “as subvencións que se concedan no marco destas bases admiten a compatibilidade con outras axudas públicas, incluídos os fondos europeos”, pero a principal diferenza está en que “no caso de que se obteña financiamento adicional, este reverterá no 100 % da achega municipal”.

Antes desta modificación, os concellos tiñan que achegar sempre unha porcentaxe do orzamento total do proxecto, que non adoitaba superar o 30 % e, se había achegas doutras administracións, salvo os fondos europeos, á marxe do Concello e da Deputación, as achegas de ambas as institución minorábanse de xeito proporcional. Con este cambio, o primeiro en reducir a súa achega ata cero, se é posible, será o Concello e, de seguir existindo financiamento adicional, minorarase despois a achega da Deputación.

Tamén se aprobou a modificación de crédito por valor de 28.283 euros, procedentes de fondos do remanente líquido de tesourería, para concederlle unha subvención nominativa urxente ao Concello de Arbo e así financiar unha parte da obra de reparación da rede de pluviais do polígono empresarial do municipio danada o pasado verán por un incendio forestal. Esta contribución adiantada pola Deputación é a contía que tiña que achegar o Concello dun total de 56.566 euros, que é o orzamento total da obra. Estes fondos deduciránselles ao Concello de Arbo do plan de investimentos do próximo ano 2024.

O primeiro punto da orde do día, referido á modificación do cadro de persoal e relación de postos de traballo, saíu adiante cos votos favorables das e dos 14 deputados do grupo. Un acordo que supón a creación dunha praza de axente de emprego e desenvolvemento, unha praza de técnica ou técnico auxiliar en preimpresión, dúas prazas de condutora ou condutor maquinista e dúas prazas de auxiliar técnica ou técnico xurídico.

Pleno 29-09-2023

Ademais, amortízase un posto de persoal laboral fixo de técnica ou técnico auxiliar de preimpresión, dúas prazas de persoal funcionario de oficial de infraestruturas e servizos e unha praza de persoal funcionario de técnico da Administración xeral.

O Pleno tamén sacou adiante a aprobación dun novo regulamento para a prestación do servizo de venda de embrións bovinos pola Finca Mouriscade para garantir a transparencia e a igualdade de acceso á compra por parte das e dos gandeiros e evitar posibles actos fraudulentos.

Do mesmo xeito, o Pleno acordou a transferencia de tres treitos de tres estradas aos concellos polos que transcorren. Son a EP-2802 de acceso a Calvos en Fornelos de Montes, a EP-9401 entre a travesía de Meis, San Salvador e o enlace coa autovía AG-41 en Meis, e dous treitos da EP-4006 entre Ponteareas a As Neves no termo municipal de Ponteareas.

O debate rematou coa moción do grupo popular relacionada co rexeitamento á tramitación dunha eventual lei de amnistía. O Pleno da Deputación rexeita calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de persoas, independentemente do seu delito; considera que o imperio da lei é a expresión da vontade popular, tal como se recolle na Constitución, e anima os dous partidos maioritarios do Estado a buscar acordos que eviten que a sociedade española se vexa sometida ás condicións ilegais de partidos independentistas.  

Antes fora rexeitada a moción do grupo socialista para instarlle ao Goberno provincial a que mantivese o Plan Concellos deseñado polo anterior Goberno.