A Pontevedra Provincia Film Commission desembarca na XXVI Edición do Festival de Cine de Málaga

A Deputación participará ata o venres no MAFIZ, a área industrial paralela ao festival, xunto con 22 membros da rede Spain Film Commission

14/03/2023

Mafiz

A Deputación participa por vez primeira no Festival de Cine de Málaga, a través da Pontevedra Provincia Film Commision, para promover o territorio como escenario ideal para rodaxes audiovisuais ante as produtoras nacionais e internacionais alí concentradas.  Ata o venres 17 de marzo a institución provincial ten presenza no MAFIZ, a área industrial paralela ao festival, xunto con outras 22 entidades da rede Spain Film Commission. Ademais, ten pechadas xa reunións con produtoras e localizadoras con sedes en Los Ángeles,  Londres, Lisboa, Madrid, Barcelona, Andorra, Sevilla, Málaga, Almería ou Huelva, e asistirá a sesións formativas sobre incentivos fiscais e sostibilidade no Auditorio do Museo Picasso de Málaga.

A Pontevedra Provincia Film Commission dará a coñecer  no Festival de Málaga a provincia como plató de cinema, amosando a gran variedade de localizacións e informado sobre as liñas de traballo no ámbito audiovisual que promove a institución provincial. Tamén presentará os diferentes servizos de aloxamentos, comunicacións e instalacións e seu potente sector audiovisual, que vén de colleitar premios nos Goya e na Berlinale, como complemento ás localizacións e ampla oferta de servizos do territorio. Ademais, a Deputación completará a presenza no festival de Málaga asistindo a mesas redondas, no seo dos seus intereses estratéxicos, organizadas por CIMA, DAMA ou Netflix, e a unha formación sobre incentivos fiscais e sostibilidade, organizada pola Spain Film Commission, na que se analizarán as oportunidades de posicionar ao país como destino de rodaxes preferente a nivel global e a importancia do compromiso coa sostibilidade da industria audiovisual.

O impulso da Pontevedra Provincia Film Commission

A Deputación de Pontevedra ten pechada unha completa axenda durante este primeiro trimestre de ano para reforzar a Pontevedra Provincia Film Commission e a captación de rodaxes audiovisuais. A axenda da entidade comezou en xaneiro en Madrid, cun stand propio en Fitur Screen e a presentación do destino ante produtoras internacionais e estatais durante a feira. Continuou cun fam trip e culmina agora o trimestre coa participación na vixésimo sexta edición do Festival de Cine de Málaga, na que están seleccionadas 232 películas de 57 países e entre as que está a competir na sección oficial “Matria”, unhas das películas patrocinadas no marco do programa da institución “Plató de cinema”.

Ademais destas accións, desde a súa constitución a Pontevedra Provincia Film Commission ten impulsado xa dúas fam trip nas que participaron produtoras estatais e internacionais que traballaron para series e películas como “La casa de papel”, “The Crown”, “El irlandés”, “Rocketman”, “Spiderman”, “Cuéntame como pasó”, “Men in Black”, “The Reader”, “West Side Story”, “Joker”, The Reader”, Stranger Things”, “Downton Abbey”,”El mito de Bourne”, “El renacido”, “She Hulk”, “La favorita”, “Vampire Academy”, “Días mejores”, “Criminal”, “Piedad”, “El Cuarto Pasajero” ou “Perfectos Desconocidos” e para spots publicitarios de marcas internacionais.  Tamén ten creado unha páxina web propia, presentada en xaneiro en Fitur, e participado en eventos como o Shooting Locations Marketplace de Valladolid e noutros promovidos pola Spain Film Office ao longo da xeografía estatal.

A creación da Pontevedra Provincia Film Commission como servizo público gratuíto da Deputación ten por obxectivo principal promover a provincia como destino de proxectos audiovisuais e cinematográficos, así como incrementar o seu posicionamento de marca a nivel nacional e internacional. Entre as súas funcións destacan a asistencia e asesoramento na procura de localizacións; a colaboración e intermediación no desenvolvemento das rodaxes; a creación dunha estrutura local para facilitar o traballo; a orientación, información e apoio nas xestións e tramitacións de permisos/autorizacións; o soporte ao sector audiovisual local; o apoio promocional; a participación nas accións nacionais/internacionais da Spain Film Commission; e a promoción da cultura audiovisual para situar estratexicamente á provincia como destino cinematográfico.

Galerias de imaxes