A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participa no acto de presentación do Sensa Festival

31/08/2023

Presentación Sensa Festival

 

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou en Redondela na presentación do Sensa Festival, unha cita exclusiva para emprendedores organizada este ano por vez primeira polo Círculo de Jóvenes Emprendedores (CIJE) e que terá lugar o vindeiro 9 de setembro no Pazo de Santa Teresa da localidade. O festival, que conta coa colaboración da cervexeira Alhambra e a Asociación de Empresarios de Redondela, busca “espertar os sentidos” dos asistentes  a través “dun menú secreto” de actuacións musicais e propostas gastronómicas e culturais. Desta maneira, a vicepresidenta da Deputación explicou que concentrará “a todo o talento da provincia, pois Pontevedra é berce de grandes referentes do mundo emprendedor e da música”.

Na súa intervención Fernández-Tapias amosou o compromiso do goberno provincial con eventos como este, “que son proba irrefutable de que esta provincia ten un gran futuro”. Tamén aproveitou para poñer en valor o traballo desenvolto desde o Círculo de Jóvenes Emprendedores, destacando “as sinerxías e oportunidades que xerades cada día para que os mozos poidan realizar os seus sonos e desenvolver os seus proxectos profesionais”.