Presentación do XXVII Rali do Cocido na Deputación

A Deputación de Pontevedra acolleu a presentación da XXVIIª edición do Rali do Cocido, que se disputará esta fin de semana na comarca de Deza co apoio da institución provincial a través das axudas para a organización de campionatos, eventos e actividades deportivas.

18/04/2023

Presentación do XXVII Rali do Cocido na Deputación

O deputado provincial Manuel González presentou a proba acompañado do presidente e o vogal da Escudaría Lalín-Deza, Mateo Varela e David Cerdeira, e outras integrantes da escudaría. O deputado Manuel González lembrou que “esta proba permite gozar do deporte, da natureza e da gastronomía” e salientou “o gran labor que realizou a Escudaría Lalín-Deza durante todo o ano para a promoción do deporte e da provincia de Pontevedra”, así como a “gran repercusión” que acada esta proba. Por estes motivos, “a Deputación de Pontevedra sempre estará ao voso carón”. O presidente da Escudaría, Mateo Varela, puxo en valor que a Deputación “é unha das maiores benfeitoras desta proba” e destacou novidades como a creación da “Copa Clio Trophy Galicia” ou o “Trofeo Galicia Historic” para coches antigos, cunha grande aceptación e 40 persoas inscritas. Ademais, a partir de agora poderán competir persoas tanto con licenza española como con licenza galega para que “ninguén perda de competir por ter unha licenza ou outra”. Pola súa banda, o vogal David Cerdeira informou dos cambios que se realizarán nalgúns dos 10 tramos e da recuperación do treito espectáculo no casco urbano de Lalín, e tamén salientou os aproximadamente 360 quilómetros que conforman o Rali do Cocido, dos que 106 serán cronometrados.