A Deputación celebra o 14 de xullo a primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade

Terá lugar ás 11.00 horas nas instalacións da Deputación en Mouriscade e estará integrada por 21 vacas de raza frisoa de alto valor comercial

27/06/2023

Primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade

Todo listo para a primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade. A Deputación celebrará o venres 14 de xullo, ás 11.00 horas  nas instalacións que ten en Lalín, a poxa que estará integrada por 21 vacas de raza frisoa que forman parte da gandaría da Finca e que contan cun gran valor comercial para continuar a súa vida produtiva nas explotacións lácteas. Os prezos de saída dos animais abranguen entre os 462 e os 1.925 euros e as gandeiras e gandeiros interesadas/os teñen de prazo ata o 5 de xullo para presentar solicitudes de participación na poxa, cuxo anuncio de licitación atópase xa no Perfil do Contratante da Deputación integrado na Plataforma de Contratación do Sector Público.

A poxa de gando vacún da Finca Mouriscade trátase do último dos compromisos adquiridos no marco do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade e nace para dar resposta á demanda das e dos gandeiras/os da provincia que solicitaban ter no mercado animais de alto valor xenético. Deste xeito, está previsto que este sistema se utilice en vindeiras ocasións para poñer no mercado animais de gran valor, cumprindo o compromiso da institución provincial co sector gandeiro.

A gandería de Mouriscade atópase entre as 12 mellores de España. A finca conta cunha granxa experimental en selección xenética, na procura da eficiencia produtiva das explotacións gandeiras da provincia, coidando o benestar animal e o respecto polo medio ambiente. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás explotacións gandeiras, cooperativas e empresas do sector na provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.