A Deputación leva a toda a provincia a comedia e o humor intelixente feito por mulleres co ciclo “Cómicas, habelas hainas!”

Carmela Silva: “Poñemos en marcha este proxecto cultural tan potente, cun plantel extraordinario de cómicas, porque cremos que o humor é imprescindible para reflexionar en voz alta sobre cuestións que as mulleres queremos contar”

17/02/2023

Cómicas,  habelas hainas!

Cómicas, habelas hainas!e o título do novidoso ciclo co que a Deputación de Pontevedra vai impulsar e reivindicar  a comedia en vivo feita por mulleres que levará a todas as comarcas da provincia. Do 4 de marzo ao 12 de maio haberá dez actuacións noutros tantos concellos neste programa coordinado pola actriz e cómica Jazmín Abuín, que tamén será protagonista dos espectáculos xunto ás galegas Bárbara Grandío, Arantxa Treus e Marta Doviro e as convidadas Bianca Kovacs e Coria Castillo. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada das cómicas, subliñou hoxe durante a presentación que este potente proxecto cultural nace para quedarse, “porque cremos que a comedia, o humor intelixente e o talento son imprescindibles para provocar felicidade, pero tamén para reflexionar en voz alta coa xente sobre tantas cuestións que as mulleres queremos contar dunha forma humorística”.

Os espectáculos terán algo máis dunha hora de duración, estarán conducidos en todos os casos pola presentadora Bárbara Grandío (que tamén intercalará os seus monólogos) e contarán coa participación doutras tres cómicas que, como destacaron hoxe as protagonistas, falarán das súas experiencias. “Somos mulleres –afirmou Jazmín Abuín no acto de presentación- pero somos cómicas, e non necesariamente a nosa comedia ten que falar da regra, do satisfyer ou dos mozos. Cada unha falará do que quere e cada unha coa súa personalidade. O meu texto podería facelo un home perfectamente”. As actuacións chegarán a espazos culturais de Moraña, Tui, Silleda, Forcarei, Vigo, Ponteareas, Cangas, A Cañiza, Pontevedra e O Grove, en definitiva, a todas as comarcas, “porque a cultura é un elemento de transformación social único e ten que chegar a todo o territorio”, engadiu Carmela Silva.

A presidenta puxo en valor o magnífico plantel de grandes cómicas co que nace este novidoso proxecto cultural, todas elas actrices de éxito “monologuistas comprometidas que están facendo historia” cunha dilatada traxectoria nos teatros e no audiovisual. Como destacou, a pesar de que neste ámbito as mulleres “están a ter xa unha grande presenza e moito éxito, recoñecemento e coñecemento, é certo que aínda non fomos capaces de acadar a paridade”. “Desde logo –matizou-, a retranca, o humor máis intelixente que existe, era unha cousa de mulleres en Galicia. Aínda que, como en tantos ámbitos da vida, era difícil rachar cos teitos de cristal e eses chans cheos de pegamento. Aínda así, como non hai quen poida coas mulleres, elas teñen rachado eses teitos e foron capaces de construír zapatos cos que teñen despegado”.

Jazmín Abuín lembrou que “as cousas avanzaron; antes dicíannos que as mulleres non eramos graciosas, e agora conseguimos demostrar o contrario”. “Non hai un subxénero de comedia masculina ou feminina. A comedia é comedia e eu non podo asumir a responsabilidade de subir a un escenario e demostralo por min e por todas as miñas compañeiras. Se un cómico fai un mal show ninguén pensa que os homes non son graciosos.  Estamos nese lugar aínda no que parece que temos que demostrar o dobre porque non partimos da mesma casilla de saída. Sempre a escusa dos programadores era que o público non está preparado. Pero o publico o que está é famento das historias coas que nos sentimos identificadas. O humor é unha ferramenta marabillosa porque cun sorriso podes dicir verdades como puños”.

No mesmo senso falou Arantxa Treus, quen incidiu en que “as mulleres facemos humor e facémolo moi ben”. Explicou que nos seus espectáculos, o 95% do público é feminino, “e os acompañantes veñen case obrigados, pero cando rematan veñen darme as grazas e sempre lles contesto: que pensabas?”. A actriz lembrou que “unha das mellores terapias que hai é a risa, é moi sa, e como desgraciadamente non todas e todos podemos ir ao psicólogo, a mellor terapia e esta, que é gratuíta e acércavos a unha maneira de pensar nova“.

Pola súa banda, Marta Doviro destacou a importancia deste proxecto provincial “porque parece que antes non había cómicas, que estamos todas agora, pero si as había, aínda que invisibilizadas; non se lles daban oportunidades como esta”. “Moitas deixaron de intentalo –apuntou- e agora con este rexurdir e estes proxectos están volvendo a sumarse ao carro da comedia para contar o que queremos ao noso xeito, facendo rir”. A monologuista tamén agradeceu poder levar este espectáculo “ás vilas de toda a provincia”.

Calendario de actuacións

A programación de “Cómicas, Habelas, hainas!” arrancará en Moraña o 4 marzo, coa actuación que se desenvolverá no Edificio Multiusos (Carballeira de Santa Lucía) e continuará en Tui o 16 marzo no Teatro Municipal. O ciclo chegará a Silleda o 17 de marzo, co espectáculo no Auditorio Manuel Dopazo (A Bandeira)  e ao Auditorio de Soutelo de Montes  de Forcarei o 15 de abril. En Vigo terá lugar o 20 abril no Auditorio Municipal e en Ponteareas, o 23 de abril na Sala Multiusos do Auditorio municipal. Nese mes, o día 29 as cómicas actuarán no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas.  Xa en maio, haberá espectáculos na Cañiza (día 6 no Auditorio da Casa de Cultura) e en Pontevedra (o 11 maio no Teatro Principal), para finalizar no Grove (o 12 maio no Auditorio).  En todos os espectáculos actuarán Bárbara Grandío (presentadora), Jazmín Abuín, Arantxa Treus e Marta Doviro, a excepción de Pontevedra  e Vigo, en que Bianca Kovacs e Coria Castillo se unirán a Jazmín Abuín e Arantxa Treus.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.